A USC recibiu en Santiago os certificados AUDIT para oito dos seus centros
O reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, asistiu este martes en Santiago ao acto de entrega dos certificados AUDIT que para premiar a calidade dos programas formativos convocan as Axencias de Calidade española (Aneca), galega (ACSUG) e catalá (AQU Catalunya). Na segunda convocatoria deste programa son oito os centros da USC que acadaron o recoñecemento –do total de 258 de 38 universidades que lograron unha avaliación positiva-: Ciencias da Comunicación, Ciencias Políticas e Sociais, Farmacia, Filoloxía, Matemáticas, Psicoloxía, ETSE e Enfermaría. O acto, ao que asistiron numerosas autoridades académicas e representantes de axencias, contou entre outros coa presenza do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad. AUDIT O programa AUDIT naceu en 2007 como unha proposta voluntaria que orientase ás universidades no deseño e posta en marcha de Sistemas de Garantía Interna da Calidade (SGIC). Unha gran parte das universidades españolas contan xa na maioría dos seus centros cun deseño de SGIC certificado. Para axudar a garantir o cumprimento dos compromisos de calidade, asumidos por parte das distintas universidades, as tres axencias promotoras do Programa AUDIT están desenvolvendo o proceso de certificación dos SGIC implementados nos centros e universidades, co obxectivo de dar confianza a todos os grupos de interese e á sociedade en xeral de que o sistema cumpre os requisitos. Deste xeito, os centros e universidades cun SGIC demostraron a súa utilidade no contexto de verificación dos novos títulos, dada a obrigatoriedade de que estes conten con sistemas de garantía de calidade solventes, o que facilitará os procesos posteriores de seguimento e renovación da acreditación.