O martes 18 levanta o pano en Santiago a XI Mostra de Teatro Universitario de Galicia
A USC converterase do 18 de maio ao 6 de xuño na capital do teatro universitario galego coa celebración en Compostela da XI Mostra de Teatro Universitario de Galicia na que se darán cita trece compañías representando aos Campus galegos e con especial presenza dos grupos xurdidos no seo da USC. Neste senso, a mostra ofrece a oportunidade de presentarse ao público a catro novos grupos universitarios, xurdidos de xente que logo de asistir aos cursos de formación teatral organizados pola Aula de Teatro da USC decidiu dar un paso máis neste ámbito. Precisamente esta nova canteira de grupos propiciou a ampliación do calendario da programación ata as tres semanas.
Tomando o relevo da iniciativa inaugurada o pasado ano, a Mostra volverá entregar este anos os seus premios ás mellores montaxes, direccións de escena, interpretacións masculinas e femininas, espazo escénico e vestiario.
ProgramaO pano da mostra levantarase o martes 18 no Teatro Principal coa Aula de Teatro Universitario de Ourense que representará ‘Odisea espacial’, dramaturxia de Fernando Dacosta a partir dos textos de Arthur C. Clarck 2001, unha odisea espacial e 2010, odisea 2. Seguiralle o mércores a Aula de Teatro do Campus de Pontevedra con ‘Eclipses’ de Manuel Lourenzo. ‘Rinoceronte no Camiño’ é a proposta que o xoves 20 escenificará a Aula de Teatro da Universidade da Coruña. O grupo de teatro Pinchacarneiro da USC, representará ‘Policia’ de S. Mrozeck o venres 21, para dar paso o sábado ao grupo Bicodobrelo, tamén da USC, coa obra ‘Matilda’, unha adaptación de Pedro e o capitán de Mario Benedetti.
A programación continuará a partir do luns 24 na Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaña, onde abrirá a quenda de representacións a Compañía de Teatro da USC-Lugo que porá en escena ‘Unha dúbida razoable’, unha adaptación de Alberte Cabarcos da obra Doce homes sen piedade, de R. Rose. Esta representación terá dúas funcións, ás 19:00 e as 21:00 horas.
Deseguido, entre os días 25 e 27 a Aula de Teatro da USC representará a súa última produción ‘As cuñadas’, adaptación libre de Roberto Salgueiro a partir do texto homónimo de M. Tremblay. Precisamente, a Aula de Teatro da USC acaba de recibir un importante recoñecemento no Festival Internacional de Teatro Universitario de Lituania, onde alcanzou os premios á mellor montaxe e a mellor representación feminina, este último outorgado ao abano de actrices que dan vida á obra.
Xa na última semana, a Mostra trasládase ao Salón Teatro dando paso a diversos grupos da USC. Os primeiros en actuar serán NNC, o luns 31, co texto ‘Peza para dous actores’ de Víctor Vegas. O día 1 de xuño Tolemia porá sobre as táboas ‘Unha merenda de tolos’, dramaturxia propia a partir de textos de Saramago ou Eduardo Galeano, entre outros. Teatro da Falúa será quen poña en escena o mércores 2 ‘The Falúa’s Rocky Horror Show’ de Richard O’Brien.
‘Chekov en xogo’ é a representación que levará a escena Enlata o día 4, un texto propio a raíz de textos Chekov, mentres que ao día seguinte Os sigillatos galaicos representarán ‘Basta ya’, peza elaborada a partir de textos Shakespeare ou Boris Vian, entre outros. A programación rematará coa representación o día 6 de ‘In-comunicando’ a cargo de Mequetrefes.
Con entrada gratuíta, as persoas interesadas en asistir deberán retirar previamente a súa entrada. Para elo o despacho de entradas do Salón Teatro e do Teatro Principal estará aberto dende as 18:30 horas e dende as 20:30 horas no caso da Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño. Todas as funcións comezarán ás 21:00 horas.