Skip to main content

'Creamos futuro', slogan da campaña de matrícula da USC do vindeiro curso

A idea é obra da alumna de ADE de Lugo Noelia Rodríguez Rivera

A idea ‘Creamos futuro’ da alumna da Diplomatura de Ciencias Empresariais de Lugo Noelia Rodríguez Rivera será a imaxe da campaña de matrícula da USC para o curso académico 2010-2011. O deseño destinarase á difusión e promoción dos estudos da USC tales como carteis, folletos ou web.
Esta estudante resultou a gañadora do concurso de ideas que convocou a Oficina de Información Universitaria (OIU) e ao que se presentaron 44 propostas. Ademais do primeiro premio, concedéuselle un accésit ao estudante do IES de Sar Ángel Morón Parcero pola súa iniciativa ‘Un camiño seguro para a elección do teu futuro’.
Ambos os dous recibiron este martes os seus premios -1.000 euros para a gañadora e 500 para o accésit- nun acto que presidiu en San Xerome o reitor Senén Barro e ao que asistiron, ademais de familiares e amigos dos premiados, o vicerreitor de Política Internacional, Agustín Merino; membros do equipo de goberno da USC, os membros do xurado Isabel Braña Tobío, Luís Celeiro Álvarez, Francisco Colomer Fariña, Luis Hervella Torrón e Marta Pérez Pereiro.
Nese acto Noelia Rodríguez manifestou o seu “orgullo porque a imaxe da Universidade na que estudo sexa a que eu mesma deseñei”. Unha imaxe, a gañadora, que reflicte “a vocación internacionalizadora” da USC, como sinalou o reitor, quen ademais tivo unha mención especial para o gañador do accésit, “que soubo plasmar moi ben a idea de Universidade moderna sen que isto supoña renunciar ao seu pasado”.

The contents of this page were updated on 05.18.2010.