Skip to main content

A USC elixe este luns 24 ao novo reitor

A comunidade universitaria deberá elixir entre Juan Casares Long e Lourenzo Fernández Prieto

O luns 24 a comunidade universitaria da USC acudirá novamente ás urnas para elixir o reitor dos vindeiros catro anos. Será na segunda volta dun proceso electoral que na votación do 4 de maio elixiu aos catedráticos de Juan Casares e Lourenzo Fernández como candidatos.
Un total de 33.445 persoas están chamadas a elixir novo reitor. O voto deberá depositarse, entre as 10:30 e as 18:30 horas, nas mesas distribuídas nos centros dos campus de Santiago e Lugo así como no Colexio de San Xerome ou no Edificio Intercentros. A proclamación definitiva do reitor farase o 4 de xuño.
O total do censo repártese entre 1.348 do sector de profesorado funcionario doutor, que representa o 51 % do voto ponderado para a elección de reitor; o resto do PDI (o 14 % do voto ponderado) distribúese entre funcionario non doutor (84 persoas), contratado doutor, colaborador ou axudante doutor e axudantes (294) e outro PDI (795); o terceiro sector, de investigadores en formación e estudantes de terceiro ciclo e posgrao, o 3 % do voto ponderado, conta con 1.257 investigadores en formación e 1.867 estudantes de terceiro ciclo e posgrao; os estudantes de primeiro e segundo ciclo, 26.549, co 24% do voto ponderado e, finalmente, o persoal de administración e servizos, con 1.251 censados, que tería o 8 % do voto ponderado.
De novo nesta ocasión os datos do escrutinio iranse coñecendo en tempo real dende a páxina web da USC grazas ao traballo realizado neste tempo na Secretaría Xeral da USC. Neste senso, a secretaria xeral, Isabel García-Rodeja, quere agradecer o “inxente esforzo do persoal directamente implicado, que favoreceu a celeridade e axilidade de todo o proceso electoral, nomeadamente de Emilio Filgueira, Marta Gómez, María Jesús Trabazo, Agustín Outeiral e Abel Lamas”.

The contents of this page were updated on 05.21.2010.