O Miño á altura de Tui acolle este sábado o I Trofeo de Remo Interuniversitario Interrexional
Seis equipos mixtos das universidades da Eurorrexión competirán este sábado, 22 de maio, nas augas do río Miño, á altura de Tui, no ‘I Trofeo Interuniversitario de Remo. Barcos Dragón’. No evento participarán grupos correspondentes ás seis universidades da Eurorrexión -Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Porto, Minho e Trás-os-Montes e Alto Douro- que disputarán unha competición con dúas carreiras eliminatorias e dúas finais, B e A, cada unha ao longo de 500 metros en liña recta.
Trátase dun evento deportivo único, promovido polo Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) para promover a alianza estratéxica de cooperación transfronteiriza, que contará coa participación da comunidade académica da Eurorrexión e que pretende converterse nunha cita anual tendo como referencia a competición internacional Oxford Cambrige.
O Trofeo inaugurarase ás 10:30 horas no Centro Interfederado de Tui nun acto ao que está previsto que asistan, entre outros, o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, os máximos representantes institucionais das seis universidades galegas e Norte de Portugal, o presidente da Fundación CEER e reitor da Universidade de Minho, o alcalde de Tui, o presidente da Cámara de Valença, o presidente da Obra social Caixa Galicia e varios deportistas campeóns e olímpicos.
A competiciónCo asesoramento dos departamentos de Deporte das universidades participantes na Fundación CEER, decidiuse escoller a modalidade de embarcacións tipo dragón, cunha arraigada tradición en Portugal, de fácil manexo e de gran visibilidade. Competirán, a partir das 12:15 horas, os equipos das universidades conformados por cinco mulleres, cinco homes, un timonel (muller ou home) e un tamborileiro (muller ou home). A hora de finalización prevese ás 13:30 horas, sendo ás 14:00 a entrega de premios.
O evento deportivo conta co apoio da Secretaría Xeral de Deporte, o Concello de Tui, Fundación Mondariz Balneario, Instituto do Desporto de Portugal, Federación Galega de Piragüismo, Federação Portuguesa de canoagem, Associação de Canoagem do Minho, Associação de Canoagem do Porto, as seis Universidades públicas da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Caixa Galicia e deportistas de elite como David Cal e Enrique Míguez.