Uniemprende organiza un novo seminario de motivación empresarial en Lugo
Os alumnos e alumnas matriculados na materia ‘Organización e Xestión de Empresas’ que se imparte na Escola Politécnica Superior de Lugo son os principais destinatarios do seminario de motivación empresarial que se desenvolverá este venres 21 na Aula 4 deste centro universitario.
Esta xornada, que se desenvolverá dende as 11:00 ata as 13:00 horas, enmárcase dentro do programa de sensibilización que Uniemprende está a desenvolver este ano académico no campus lugués, en colaboración co Bic.Galicia, co obxectivo difundir e fomentar a cultura emprendedora entre os estudantes dos últimos cursos de todas as titulacións..
No seminario deste venres, aberto a todas as persoas que desexen asistir, tentarase achegar aos participantes cómo se xeran as ideas empresariais ao tempo que se lles explican os instrumentos e recursos que están dispoñibles para axudar aos novos emprendedores.
A actividade contará tamén coa presenza dun grupo de mozos que desenvolveron os seus proxectos empresariais en Galicia e que presentarán as súas experiencias amosando a orixe da súa idea, os recursos dos que dispoñían, as dificultades que tiveron que superar e os factores aos que poden atribuír o éxito dos seus negocios.