Skip to main content

O Campus de Lugo aloxará un dos nodos da futura RedIris Nova

O reitor Senén Barro recibiu en San Xerome a representantes de RedIris e Cesga (Foto: Fernando Blanco)
O reitor Senén Barro recibiu en San Xerome a representantes de RedIris e Cesga (Foto: Fernando Blanco)

O Campus de Lugo aloxará un nodo central de RedIris Nova, a nova rede para a investigación e a educación en España, considerada como a grande instalación telemática do Plan Nacional de I+D+i, cun custe de 138 millóns de euros, creada para ampliar as capacidades de comunicación e potenciar os resultados da investigación española.
Este foi un dos temas de conversa do encontro celebrado este venres 7 en San Xerome entre o reitor Senén Barro, o director de RedIris, Tomás de Miguel, e o director do Centro de Supercomputación de Galicia, Javier García Tobío. A actualización de RedIris supón a construción dunha nova malla óptica con camiños alternativos para redundancia da rede ante posibles cortes.
Neste senso, o Campus de Lugo convértese en sede dun dos nodos principais da rede nacional, dotándolle de conectividade directa e de alta capacidade non só co Campus de Santiago, a través do Cesga, senón coa rede nacional e internacional de investigación.
Esta mellora permitirá o uso intensivo de novos servizos e infraestruturas xa postos en marcha ou previstos de xeito inmediato, como as salas Access Grid dos campus de Lugo e Santiago, operativas dende comezos de 2010, ou os novos servizos multimedia que estarán en funcionamento en xuño do 2010. Servirá tamén de canle para potenciar e facilitar proxectos de investigación dos campus con necesidades de elevado ancho de banda, en particular aqueles con necesidades intensivas de recursos de computación ou de conectividade con outras universidades ou centros científicos.
Os traballos de acondicionamento do espazo deste novo punto acaban de comezar na Facultade de Veterinaria en Lugo e estímase que os equipos podan estar en funcionamento xa en probas no mes de xullo. Para iso, Tomás de Miguel, director de RedIRIS, amosou esta mañá o total compromiso coa USC para traballar arreo neste obxectivo. “A colaboración sempre obtida da USC así como a necesidade imperiosa de mellorar esta conectividade, lévanos a priorizar esta actuación”.
Na xuntanza tratouse tamén o interese que para a rede científica e tecnolóxica de Galicia (RECETGA) tería a ampliación do trazado a novos puntos – centros tecnolóxicos ou estacións científicas, entre outros. Neste senso, o reitor Senén Barro manifestou o seu total apoio e dispoñibilidade cara ao CESGA na proposta na que se está a traballar xunto á Xunta de Galicia e RedIRIS.
Ao encontro na Reitoría da USC tamén asistiron o director da Área de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións da USC, Javier Franco; a coordinadora de Rede de RedIris, Esther Robles; e o subdirector do Cesga, Ignacio López.

The contents of this page were updated on 05.07.2010.