Xuntanza do Consello de Goberno da USC

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago celebrou este martes a súa primeira xuntanza baixo a presidencia do reitor Juan Casares. Entre os primeiros puntos da orde o día, o órgano colexiado deu conta do estado de execución do orzamento da USC na actualidade, en base á documentación contable existente para coñecer a dispoñibilidade de recursos para o que resta de exercicio económico. O Consello aprobou tamén un acordo para a resolución da bolsa de titulares acreditados á cátedra con anterioridade á celebración desta xuntanza. De xeito paralelo, presentouse unha proposta de normativa xeral que regule a promoción dos profesores que se atopen nesta situación no futuro. Esta iniciativa responde á necesidade de dispoñer dun marco normativo que regule a promoción do profesorado da USC e contribúa á definición da carreira profesional docente. Na mesma sesión tratouse a incorporación do profesor Senén Barro Ameneiro como presidente de RedEmprendia, unha iniciativa do Banco Santander para promover a incubación de empresas nas universidades españolas e de Iberoamérica.
A proposta de nomeamento como profesor Ad Honorem de César Raña Dafonte ademais dun documento sobre os períodos hábiles para convocar órganos colexiados e a actualización das tarifas académicas son outros puntos aprobados na reunión. Por último, e entre outras cuestións, o Consello aprobou tamén a adhesión da USC á Asociación Clúster Alimentario de Galicia, a convocatoria de prazas de PDI ou a modificación da RPT de PAS.