33.565 persoas están chamadas a votar este mércores na USC

33.565 persoas están chamadas a votar este mércores, 5 de maio, para elixir novo reitor ou reitora e os representantes no Claustro Universitario e nos Consellos de Departamento da Universidade de Santiago de Compostela. O voto deberá depositarse, segundo corresponda e entre as 10:30 e as 18:30 horas, nas 59 mesas distribuídas nos centros dos Campus de Santiago e Lugo así como no Colexio de San Xerome ou no Edificio Intercentros.
O total do censo repártese entre 1.349 do sector de profesorado funcionario doutor, que representa o 51 % do voto ponderado para a elección de reitor ou reitora; o resto do PDI (o 14 % do voto ponderado) distribúese entre funcionario non doutor (84 persoas), contratado doutor, colaborador ou axudante doutor e axudantes (294) e outro PDI (795); o terceiro sector, de investigadores en formación e estudantes de terceiro ciclo e posgrao, o 3 % do voto ponderado, conta con 1.257 investigadores en formación e 1.867 estudantes de terceiro ciclo e posgrao; os estudantes de primeiro e segundo ciclo, 26.516, co 24% do voto ponderado e, finalmente, o persoal de administración e servizos, con 1.403 censados, que tería o 8 % do devandito voto.
Reitor ou reitoraA estas eleccións concorren un total de sete candidatos á Reitoría, tres mulleres e catro homes: Pilar Bermejo Barrera, Mercedes Brea López, Juan Casares Long, Lourenzo Fernández Prieto, Jaime Gómez Márquez, Laura Sánchez Piñón e Juan Varela Durán.
Logo da votación este mércores, 5 de maio, a proclamación provisional ou, de ser o caso, dos candidatos que concorran á segunda volta coñecerase dous días máis tarde. De ser necesaria esta segunda volta a prolongación da campaña electoral será do 19 ao 22 de maio, coa votación o 24 de maio. A proclamación definitiva retrasaríase neste suposto ao 4 de xuño.
e-votoA USC está a ser unha das primeiras universidades do Estado que implanta o voto electrónico, logo de que o Sistema Universitario Galego fose o primeiro en adquirir unha plataforma de voto electrónico única para as tres universidades.
Nesta experiencia piloto, que só se aplica á elección de representantes nos Consellos de Departamento, participan quince departamentos tendo a oportunidade de votar electronicamente 15.375 persoas do sector estudantes de primeiro e segundo ciclo, 189 do sector de PDI non doutor a tempo parcial e 15 PAS.