Skip to main content

A USC e a Luis Moya Rally School colaborarán en programas docentes e proxectos de investigación

Este xoves os pilotos Luis Moya e Alvaro Louro ofrecen unha conferencia en Medicina

A Universidade de Santiago de Compostela e a Luis Moya Rally School acordaron este xoves colaborar no desenvolvemento de programas docentes e proxectos de investigación e asesoramento mutuo no ámbito do automobilismo. Asinaron o acordo o reitor Senén Barro e o director da Escola, Luis Moya, en presenza do profesor do Departamento de Farmacoloxía da USC, Manuel Freire-Garabal.
Paralelamente, este xoves, ás 18:30 horas no Salón de actos da Facultade de Medicina, inaugúrase o Ciclo de Conferencias ‘Na estrada e no amor, conduce con prudencia’ cuxa primeira sesión, titulada ‘A seguridade dos campións’, correrá a cargo de Luis Moya e Álvaro Louro, da Nupel Global Team, que serán presentados por Manuel Freire-Garabal, coordinador do curso.
O ciclo, catro conferencias a celebrar durante o mes de maio, pretende achegar información aos estudantes da USC sobre a condución segura desde diferentes puntos de vista como o da técnica de pilotaxe, a prevención, os elementos mecánicos e a atención en caso de accidente. Está patrocinado por Profilatex, marca de preservativos da multinacional galega Laboratorios Asociados Nupel, de aí o seu título.
Promovidas pola Promoción de Medicina 2010 e o Paso de Ecuador de Medicina, as conferencias están abertas a 450 estudantes de todas as titulacións da USC, que obterán 1 crédito de libre configuración. O ciclo lévase a cabo en colaboración con Nupel Global Racing e os seus diferentes patrocinadores, como Laboratorios Asociados Nupel, River ou Ford. Tamén participan a Asociación Unificada da Garda Civil, o 061, a ONG Estudantes Sen Fronteiras, a Asociación Fonte Limpa, a Asociación de Estudiantes Gime e Meiga da Facultade de Medicina.
As conferenciasO ciclo continuará o 12 de maio coa presenza dos gardas civís de tráfico e membros de AUGC José Antonio Agudo Martín-Cleto e Manuel Moya Segura coa conferencia ‘Ellos nos protegen’. Seguiralle, xa o 24 de maio, unha intervención na que se porá en valor a importancia da mecánica para a seguridade, da man do equipo técnica Ford da Luis Moya Rally School, S.L. O ciclo rematará, o 25 de maio, tratando cuestións relacionadas coa atención sanitaria en casa de accidente. Baixo o lema ‘E se pasa algo, que facer?’ intervirán Gonzalo Amigo, médico do 061 e Miguel Ángel Iglesias Blanco, tenente sanitario da Garda Civil e AUGC.
Luis Moya Rally SchoolTrátase dunha escola de formación en automobilismo deportivo que, baixo a dirección de Luis Moya e en coordinación co Nupel Rally Team formará a mozos/as interesados en adquirir coñecementos teóricos e prácticos no deporte do automobilismo.
A actividade desta escola abranguerá a selección e formación de novas promesas que competirán como pilotos Nupel na temporada 2011 e a finalidade docente impartindo cursos e seminarios de formación (teórica e práctica) e de perfeccionamento, dirixida a todos os axentes implicados no deporte do automóbil, atendendo á súa vez á formación e selección ás promesas do proxecto RAS-RALLY.

The contents of this page were updated on 05.06.2010.