O prazo para inscribirse na segunda edición do encontro 'Sons creativos' remata este martes
Este martes 11 pecha o prazo de inscrición para participar na segunda edición do encontro ‘Sons creativos: outra maneira de entender a música’ que se desenvolverá en Lugo dende este xoves 13 ao sábado 15 co obxectivo de explorar a relación entre a música e os espazos. As persoas interesadas poden apuntarse durante a mañá na Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus lugués.
Esta iniciativa, organizada ao amparo do convenio Lugo Cultural, xorde da idea de promover o intercambio musical entre a USC e outras universidades ou colectivos de música contemporánea e experimental, ao tempo que serve de foro de encontro para os compositores e creadores musicais máis vangardistas do panorama nacional.
A edición deste ano dedícase a Concha Jerez, artista e profesora da Facultade de Belas Artes de Salamanca, e a José Íges, director durante moito tempo do programa musical ‘Ars Sonora’ de Radio Clásica, que presentarán neste foro a súa creación musical ‘Fragmentos de diario’.
O programa de ‘Sons Creativos’ complétase cunha serie de mesas redondas, concertos e intervencións musicais que se levarán a cabo en diferentes escenarios da capital luguesa. Nestas actividades participarán o músico e produtor Arturo Vaquero; o Grupo de Creación Musical da USC (GCMUS); a arquitecta italiana Cristina Palmese, o compositor José Luís Carles e os seus alumnos no monográfico musical que este curso se desenvolveu no Campus de Lugo; o Grupo do Departamento de Música da Universidade de Valladolid, no Campus de Palencia; ou o músico Efraím Díaz, que traballa actualmente na elaboración dun mapa sonoro da capital luguesa.