Skip to main content

Arranca este xoves en Lugo a segunda edición de 'Sons creativos: outra maneira de entender a música'

Colectivos musicais e compositores vangardistas explorarán ata o sábado a relación entre os espazos e a música

A relación entre a música e os espazos é o eixo da segunda edición de ‘Sons creativos, outra maneira de entender a música’ que comeza en Lugo este xoves 13 e que se prolongará ata o sábado 15.
O obxectivo desta iniciativa, organizada ao amparo do convenio Lugo Cultural, é promover o intercambio musical entre a USC e outras universidades ou colectivos de música contemporánea e experimental, ao tempo que serve de foro de encontro para os compositores e creadores musicais máis vangardistas do panorama nacional.
O encontro deste ano dedícase a Concha Jerez, artista e profesora da Facultade de Belas Artes de Salamanca, e a José Íges, director durante moito tempo do programa musical ‘Ars Sonora’ de Radio Clásica.
Un programa dedicado á experimentación musicalA programación de ‘Sons Creativos’ arranca este xoves a partires das 17:00 horas na Praza Maior de Lugo con varias intervencións sonoras a cargo do Grupo de Creación Musical da USC (GCMUS). Os compoñentes deste laboratorio musical universitario empregarán artisticamente as árbores da praza, facéndolles soar, co obxectivo de chamar a atención dos paseantes, animándoos a escoitar o espazo público dun xeito novo e diferente.
O venres 14 ás 10:00 horas o compositor e produtor musical Arturo Vaquero presentará ‘Músicas e espazos virtuais’ no Salón de Actos da Escola Universitaria de Formación de Profesorado de Lugo. Xa pola tarde, ás 20:00 horas, o Salón Rexio do Círculo das Artes acollerá o concerto ‘Músicas e espazos’ no que se poderán escoitar creacións dos membros do Grupo de Creación Musical da USC; da arquitecta italiana Cristina Palmese, o compositor José Luís Carles e os seus alumnos no monográfico musical que este curso se desenvolveu no Campus de Lugo; do Grupo do Departamento de Música da Universidade de Valladolid, no Campus de Palencia; e do músico Efraím Díaz, que actualmente traballa na elaboración dun mapa sonoro da capital luguesa.
Ademais dos concertos e as intervencións sonoras, o segundo encontro ‘Sons Creativos’ inclúe unha mesa redonda sobre a música e os espazos, a temática que dá nome ao encontro. Terá lugar o sábado 15 ás 10:00 horas no Museo Provincial e nela intervirán José Luís Carles, Pilar Cabeza, Cristina Palmese, Mónica Álvarez e Arturo Vaquero.
A continuación na Praza de Santa María, sobre as 12:00 horas, José Íges e Concha Jerez, aos que se dedica a segunda edición do programa, presentarán unha intervención sonora baixo o título ‘Fragmentos de diario’.
Presentación e exposición do libro Páxinas soltasA oferta de actividades de ‘Sons Creativos’ compleméntase coa presentación e a exposición do libro Páxinas soltas, que se poderá verno Salón de Actos da Escola Universitaria de Formación do Profesorado dende o 13 ao 26 de maio.
Este libro da escritora peruana Violeta Barrientos compóñeno unha selección de poemas da obra Cosas sin nombre publicado en Bos Aires no ano 2008, e nel colaboran Olga Mignot-Verme (gravados) e a directora do Grupo de Creación Musical da USC, Inmaculada Cárdenas (música).
A súa presentación terá lugar o venres 14 ás 12:00 horas no Salón de Actos da Escola de Formación de Profesorado, nun acto no que participará a Compañía de Teatro da USC no Campus de Lugo que, baixo a dirección de Alberte Cabarcos, fará unha dramatización dalgún dos poemas contidos no libro afondando na súa plasticidade e sonoridade.

The contents of this page were updated on 05.12.2010.