A USC desenvolveu a primeira experiencia de voto electrónico en Galicia
As eleccións celebradas a pasada semana na USC foron o escenario elixida para desenvolver a primeira experiencia de voto electrónico en procesos de consulta pública en Galicia. A Área de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións da USC foi a responsable de coordinar operativamente a implantación do proxecto sen que se rexistraran incidencias técnicas.
Concretamente, o proceso de voto electrónico aplicouse na elección de representantes de consellos de departamento a través dun plan piloto ao que se adheriron 55 departamentos. Para elo organizáronse, a modo de apoio, distintas accións e xornadas de difusión no campus de Lugo como de Compostela organizadas pola Secretaría Xeral e a Área TIC.
Xa fora na modalidade de voto anticipado ou na mesma xornada de votación rexistráronse 1.062 votos electrónicos, 145 deles en branco (o sistema evita os votos nulos xa que non se poder xerar sufraxios defectuosos). A porcentaxe de participación no persoal docente e investigador a tempo parcial e investigadores en formación foi en e-voto do 59% fronte ao 33% do mesmo sector en aqueles departamentos que se decantaron polo voto presencial. No caso do persoal de administración e servizos a porcentaxe de participación ascendeu ao 80% fronte ao 17% no caso dos departamentos que mantiveron a urna.
Para garantir a seguridade no proceso, que contou coa súa propia Mesa Electoral Electrónica, utilizáronse claves criptográficas. So coa introdución destas claves, en poder dos membros da Mesa, foi posible reconstruír a clave descifradora e proceder á apertura do reconto do e-voto.
Para participar na votación, cada votante debía autentificarse a través do sistema de usuario e contrasinal corporativo da USC. Unha vez na plataforma de votación, preséntanse as opcións de voto, podendo repetir o proceso no caso de electores que participan en varios procesos electorais. O recibo de voto, que pode imprimirse, deixa constancia de que o voto foi contabilizado, xa que o votante pode pescudalo na relación de sufraxios emitidos, unha vez pechada a votación.
Colaboración institucionalO proxecto enmárcase dentro da colaboración entre as universidades do Sistema Universitario Galego (SUG), a través do Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións de Xestión Universitaria (CIXUG), e a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica (SXMIT), que pretende impulsar a posta en marcha de ferramentas informáticas comúns que posibiliten o impulso da administración electrónica. Neste caso, un convenio específico amparou a instalación para as tres universidades dunha plataforma de e-voto, sendo elixida a da Scytl Secure Electronic Voting, empresa líder mundial en implantación de solución de voto electrónico seguro.
O voto electrónico ofrece unha maior comodidade, ao evitar os desprazamentos físicos ao lugar de votación e podendo ser empregado, na modalidade voto anticipado, con horarios abertos. O sistema garante a total transparencia, podendo ser auditado por terceiras partes. Ademais, todos os compoñentes son selados electronicamente garantindo que non se leva a cabo ningunha alteración informática do proceso.
Tamén é salientable o aforro de custes en desprazamentos e en tempos de traballo, non so dos electores, senón dos vogais das mesas, xa que non é necesaria a súa constitución e presenza física. Trátase ademais dun proxecto en liña co compromiso de sustentabilidade medioambiental, ao evitar a impresión de papeletas.
Unha vez pechadas as eleccións, ás 18,30 horas do pasado 5 de maio, o sistema obtivo os resultados de e-voto ás 19 horas, co consecuente aforro de traballo na contabilidade dos sufraxios emitidos, así como na posibilidade de erros nos procesos manuais asociados. O éxito do proceso leva, segundo as manifestacións dos responsables da USC, a considerar de xeito claro a súa utilización en próximos procesos electorais, algúns do cales desenvolveranse durante este mesmo ano 2010.