Skip to main content

A facultade de ADE de Lugo ofrecerá prácticas en empresas o vindeiro curso

A facultade de ADE de Lugo ofrecerá prácticas en empresas o vindeiro curso
A facultade de ADE de Lugo ofrecerá prácticas en empresas o vindeiro curso

A USC presentou este mércores dous convenios asinados coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a Fundación CEL-Iniciativas por Lugo que teñen por obxecto a axeitada programación e desenvolvemento de prácticas en empresas para o alumnado da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus lugués. Grazas a estes acordos o centro universitario ofrecerá o vindeiro curso aos seus estudantes a posibilidade de realizar estadías prácticas de ata 450 horas tanto nas propias dependencias da CEL e da Fundación CEL-Iniciativas por Lugo como nas empresas asociadas que se adhiran aos convenios. A USC da así un paso máis para estreitar lazos co tecido económico e social da provincia de Lugo, ao tempo que favorece que os alumnos realicen tarefas adecuadas ao seu nivel de formación que lles permitan adquirir unha experiencia enriquecedora de cara á súa inserción no mercado laboral unha vez rematados os estudos. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, Luís Gago González; o presidente da Fundación CEL-Iniciativas por Lugo, Luís García Santalla; e o presidente da Confederación de Empresarios de Lugo, Eduardo Jiménez presentaron o contido dos convenios e coincidiron en sinalar que non só benefician aos alumnos cunha experiencia práctica senón tamén ás empresas, que teñen a posibilidade directa de observar a futuros profesionais que se poden sumar ao seu cadro laboral. Segundo un recente informe do Consello Social da USC, 97 de cada cen empresas están dispostas a acoller a persoal de prácticas e recomendaríanse entre os estudantes. Pola súa banda, o 81% dos alumnos que realizan este tipo de estadías de formación quedan moi satisfeitos da experiencia e o 22% mesmo queda a traballar na empresa. Máis convenios de prácticas Ademais dos recentes acordos establecidos coa CEL e coa Fundación CEL-Iniciativas por Lugo, a facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo asinará o vindeiro venres novos convenios para a realización de prácticas co Colexio de Economistas de Lugo e coa Asociación de Empresarios do Ceao. Ademais, o centro traballa tamén no peche doutros acordos co Concello de Lugo e coa Deputación Provincial. Este ano académico, máis de 750 estudantes cursaron estudos nalgunha das titulacións que se imparten na facultade luguesa, a Diplomatura en Ciencias Empresariais, a Licenciatura en Administración e Dirección de Empresas, e os Graos en Administración e Dirección de Empresas e en Comercialización e Loxística.

The contents of this page were updated on 07.14.2010.