Skip to main content

O Observatorio Galego do Territorio traballa na argumentación dun “necesario” cambio lexislativo que remate coa exclusividade competencial do executivo

O OGT dedícase ao estudo sobre o uso e xestión do territorio e o coidado da paisaxe
O OGT dedícase ao estudo sobre o uso e xestión do territorio e o coidado da paisaxe
O OGT definiu na USC as liñas de estudo para os vindeiros meses

O Observatorio Galego do Territorio (OGT), con sede no CEA da USC e no que participan profesores universitarios e profesionais do urbanismo, a arquitectura, a historia e o dereito, definiu na súa última xuntanza os dez temas nos que traballarán os vindeiros meses, comezando pola elaboración dun documento que recolle a xustificación e argumentación que garante o “necesario cambio lexislativo para rematar coa exclusividade nas competencias do poder executivo nos ordenamento do territorio”. O OGT, que dirixe o catedrático da USC Gerardo Pereira Menaut, constituíuse en 2009 como un grupo interdisciplinario de urbanistas, arquitectos, sociólogos, historiadores e economistas que ten por obxecto estudar, entender e facer propostas sobre o uso e xestión do territorio e o coidado da paisaxe. O observatorio defínese como un foro aberto no que poden actuar persoas ou grupos alleos a el. Os seus membros avogan por restarlle poder exclusivo na ordenación do territorio ás administracións local, provincial e autonómica á vez que reclaman a creación doutras instancias consultivas que aconsellen e supervisen eficazmente desde perspectivas técnico-científicas interdisciplinares, amplas e de futuro. Preocupacións Entre as outras cuestións que serán eixo das investigacións do OGT figuran os elementos organizadores do territorio de Galicia ao longo da Historia e un estudo crítico dos fundamentos e tendencias da actual lexislación galega. A destrución recente da paisaxe de Galicia vista desde a Fiscalía de Medio Ambiente; o estudo dos novos modelos de asentamentos periurbanos; os principios básicos para unha planificación territorial en Galicia; os problemas e perspectivas nas cidades históricas; redes, fluxos e puntos nodais no Noroeste da Península; O Grove como experiencia europea de intervención en Galicia; e, por último, a evolución de Santiago de Compostela desde a capitalidade ata o presente establecendo os límites da cidade como feito urbano. Informe europeo Na xuntanza da semana pasada, os membros do OGT analizaron tamén o Informe Auken do Parlamento Europeo sobre o impacto da urbanización extensiva en España nos dereitos individuais dos cidadáns europeos, o medio ambiente e a aplicación do Derecito comunitario.

The contents of this page were updated on 07.02.2010.