Skip to main content

A rede de equipos de investigación HISPALINK presentou na USC as novas predicións económicas rexionais para 2010 e 2011

De esquerda a dereita, Carmen Guisán, Antonio Pulido e Ana López
De esquerda a dereita, Carmen Guisán, Antonio Pulido e Ana López

Os grupos de investigación en economía aplicada de universidades españolas integrados no Proxecto Hispalinkpresentaron este xoves na USC, no transcurso das XV Xornadas de Hispalink-Modelización rexional integrada, as novas predicións económicas rexionais para 2010 e 2011. O obxectivo principal da rede Hispalink é a elaboración cada seis meses de predicións harmonizadas para todas as Comunidades Autónomas, obténdose como resultado unha cifra de crecemento estatal. Os resultados presentáronos o presidente de Hispalink e premio de economía Infanta Cristina, Antonio Pulido, a profesora da USC Carmen Guisán e a secretaria xeral de Hispalink, Ana López. Todos coincidiron na acusada diminución esperada das taxas de variación do Valor Engadido Bruto das Comunidades Autónomas para 2010, “en liña co descenso nacional”. Predición para 2010 Os investigadores sinalan que a economía española continúa en recesión “e posiblemente continuará polo menos durante unha parte de 2010”, aínda que cun ritmo de caída máis suave que en 2009. As expectativas de futuro apuntan cara a unha “progresiva pero lenta” desaceleración da caída, “que pode deixar a taxa de variación do PIB de España en torno ao -0,5% en 2010 e o +0,6% para o conxunto de 2011. No ámbito autonómico, practicamente todas as comunidades revisan as súas predicións á baixa para 2010, excepto Asturias, Baleares, País Vasco e A Rioxa, que melloran lixeiramente os seus resultados respecto dos de decembro de 2009. As previsións de Hispalink de crecemento rexional en 2010 sitúanse nun intervalo que abarca desde o -1,1% ata o +0,2% con dez comunidades autónomas presentando taxas menos negativas que a estatal (-0.5%). Ademais, o detalle sectorial mostra taxas negativas nos catro macrosectores (agricultura, industria, construción e servizos), especialmente intensas en industria e construción. As comunidades autónomas con caídas do Valor Engadido Bruto superiores á media nacional son Aragón, Canarias, Cataluña e Baleares, moi afectadas polo comportamento do sector industrial e do turístico no caso dos arquipélagos. Pola contra, con taxas lixeiramente positivas en 2010 sitúanse Navarra, País Vasco, Asturias e A Rioxa. Para os investigadores da rede é a estrutura produtiva quen “marca” a diferenza no ritmo de descenso das diferentes economías que, en xeral, “sofren a abrumadora caída do sector industrial”. Nalgúns casos, matizan, a menor dependencia do “ladrillo” –como no caso de Galicia- foi un factor importante para non acumular un impacto recesivo adicional. Predición para 2011 Os autores do estudo apuntan que mentres “non parece probable” que consumo e inversión privados saian en 2010 da súa “tónica de redución”, en 2011 rexistrarán unha leve recuperación. Así a todo, “os efectos da actual crise prolongaranse máis aló de 2011”. Posiblemente, engaden, a presente década enfrontarase con patróns de crecemento e creación de emprego diferentes aos observados nos últimos anos, “xa que non se trata dos efectos pasaxeiros dunha burbulla inmobiliaria e financeira. “Máis aínda, o cambio de réxime de crecemento do PIB e de creación de emprego tradúcese en que os niveis destas macromagnitudes previos á crise non se alcancen ata 2013 (PIB) ou 2016 (emprego)”, predicen. Non obstante, para 2011 apúntanse taxas positivas de crecemento rexional, como consecuencia directa da mellora prevista no sector servizos e na industria. Para algunhas comunidades con clara vocación exportadora da súa produción industrial, é significativo o efecto da recuperación doutros países europeos. As máis dependentes do turismo, pola contra, “terán que agardar unha recuperación significativa das rendas doutros países como Reino Unido e Alemaña”. Con datos concretos, os investigadores ascenden a País Vasco, Madrid e Navarra a “postos privilexiados” no crecemento rexional de 2011, con taxas por riba do 1,0%, “se melloran aínda máis os prognósticos realizados sobre o sector servizos”. Mai sa mensaxe é de “clara melloría” para todas, cun intervalo de predicións comprendido entre o +1,1% e o +0,1% que proporciona un crecemento do +0,6% para o conxunto de España. Galicia As predicións para Galicia que presentou a profesora Guisán apuntan, en termos de valor engadido total, mellores perspectivas que a media española tanto en 2010 como en 2011, (taxa de crecemento para eses anos de -0,1 e 0,8, respectivamente, fronte ao -0,5 e o 0,6 de España). Isto débese, apuntou, á evolución da industria é a menor burbulla financeira do sector da construción nesta comunidade con respecto ao resto de España. As XV Xornadas de Hispalink- Modelización rexional integrada inauguráronse na Facultade compostelá de Ciencias Económicas e Empresariais

The contents of this page were updated on 07.01.2010.