Skip to main content

Especialistas universitarios, profesionais da xustiza e representantes da administración pública reúnense arredor do curso ‘Muller, home e violencia de xénero’

UNIVERSIDADE DE VERÁN 2010

O curso ‘ Muller, home e violencia de xénero: tratamento actual e posibles solucións’ reunirá entre os días 19 e 21 de xullo a expertos do ámbito universitario, profesionais da xustiza e representantes da administración no Auditorio Municipal de Muros. Mesas redondas, obradoiros e conferencias integran o programa desta curso de verán da USC que dirixe a profesora Raquel Castillejo e que conta co financiamento do Fondo Social Europeo e o Servizo Galego de Igualdade. A relación entre prostitución e inmigración na manifestación da violencia de xénero e os micromachismos e a violencia encuberta son dous dos primeiros temas que se tratarán no arranque deste curso que vai comezar cunha reflexión sobre ‘A violencia de xénero e as súas fases’ da man da psicóloga Pilar González. Unha mesa redonda sobre políticas de igualdade na administración pública abrirá o programa do día 20, no que as persoas inscritas tamén coñecerán as pautas de actuación do Observatorio Estatal de Violencia sobre a Muller e a das forzas e corpos de seguridade. A xornada complétase cun obradoiro sobre violencia estrutural e de xénero e un relatorio dedicado ás respostas xudiciais á protección ás vítimas. Na terceira e derradeira xornada do curso reflexionarase sobre os problemas que ofrece a orde de protección, a mediación en violencia de xénero, a proba no proceso seguido por violencia de xénero e actuacións no ámbito educativo para a prevención da violencia de xénero.

Investigadores das universidades de Santiago, Castela A Mancha, Oviedo e Complutense, integrantes da Asociación Profesional Galega para a Mediación e a Igualdade de Xénero e representantes do ámbito xudicial e das administracións autonómica e estatal con competencias neste eido integran o cadro de conferenciantes deste curso.

The contents of this page were updated on 07.07.2010.