A Oficina de Software Libre da USC leva traducido ao galego a metade da última versión de NetBens
Co gallo da I Edición do ‘ETSE Open de SL’ do pasado ano 2009, para iniciarse no mundo da tradución de software libre ao galego, a Oficina de Software Libre da USC comezou a tradución do coñecido contorno gráfico de desenvolvemento (IDE) NetBens, usado para desenvolver software en varias linguaxes de programación. Aquela versión de NetBeans, a 6.7, tiña arredor dunhas 290.000 palabras e os alumnos do fiadeiro traduciron unhas 25.000 palabras, o 8% do total do proxecto. Durante o mes seguinte, a OSL realizou unha pequena revisión dese traballo e a maior parte da interface gráfica, conseguindo levar a tradución ao 28% no día do lanzamento oficial, o 29 de xuño do 2009. Desde ese día unha gran parte do IDE está en galego e con versión oficial. Un ano máis tarde existen dúas novas versións, a 6.8 e a última, a 6.9, lanzada este pasado 15 de xuño e da que a Oficina da USC conseguiu completar o 50% da tradución do IDE. O equipo A empresa que desenvolve o IDE ten unha sección dedicada no seu sitio web ao equipo que realiza a tradución na que lle ceden un espazo na wiki e unha lista de correo para xestionar o proxecto. A páxina do equipo galego aínda está en fase de construción pero pouco a pouco vai collendo forma. Desde a versión 6.8, a tradución levase principalmente a través dunha plataforma web que teñen habilitada para a comunidade e coa que se lles facilita a tradución ás persoas con menos coñecementos técnicos.