Skip to main content

O letrado da USC Xoán Montes ingresa na Irmandade Xurídica Galega

Xoán Montes
Xoán Montes

O letrado da USC Xoán Montes Somoza ingresará este sábado na Irmandade Xurídica Galega, que busca a normalización da lingua galega nas instancias xudiciais. O acto de nomeamento de novos membros terá lugar ás 12:30 horas no Salón Nobre da Deputación de Lugo. O acto enmárcase no transcurso da terceira asemblea xeral da Irmandade, que ese venres e sábado reúne a un cento de xuristas -maxistrados, fiscais, notarios, avogados…- para dar pulo ao proceso galeguizador nos ámbitos da Xustiza e do Dereito iniciado hai anos. Esta asemblea inclúe un seminario sobre aspectos xurídicos da lingua e o acto público e solemne de imposición das togas da galeguidade a vinte novos membros. O ritual do acto inclúe unha fórmula de compromiso coa lingua galega que se resume na promesa de realizar toda a actividade profesional en galego. Xoán Montes Xoán Montes Somoza, natural de O Bispo (Monterroso, Lugo) desenvolveu o seu labor profesional como xuíz en provisión temporal no Xulgado de Distrito e no Xulgado de Iª Instancia e Instrución da Fonsagrada, no Xulgado de Iª Instancia e Instrución nº 2 de Vilalba e como maxistrado suplente na Audiencia Provincial de Lugo. A finais dos anos oitenta comeza a redactar sentenzas en galego e a tratar de iniciar a normalización do galego nos xulgados nos que traballa.

Dende o ano 2000 desempeña tarefas de letrado na Asesoría Xurídica da USC, Universidade á que estivo ligado xusto antes como profesor da Escola de Práctica Xurídica de Lugo e despois na de Santiago.

The contents of this page were updated on 07.02.2010.