Skip to main content

A USC recoñece o esforzo dos mellores estudantes de ensino medio de Galicia na selectividade deste ano

Os estudantes cos mellores expedientes abarrotaron a sala do Auditorio de Galicia
Os estudantes cos mellores expedientes abarrotaron a sala do Auditorio de Galicia

Os mellores estudantes de ensino medio de Galicia, cunha nota definitiva de 9 ou superior na parte xeral das Probas de Acceso á Universidade nesta convocatoria de xuño, participaron este venres en Santiago nun acto multitudinario no que a USC quixo recoñecerlles o seu esforzo académico. Eran un total de 293 estudantes, 104 homes e 189 mulleres, pertencentes a 137 centros de ensino medio os convocados ao acto na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia. Por provincias, 114 pertencen á da Coruña, 98 a Pontevedra, 41 a Lugo e os 40 restantes a Ourense. Practicamente todos eles acudiron a Santiago acompañados dos seus familiares e de representantes dos centros onde cursaron o Bacharelato. O acto presidiuno o reitor da USC, Juan José Casares Long, e a el asistiron tamén o alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Educación, Mercedes Rosón; o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga; o delegado da USC na CiUG, Manuel Bermejo; e o coordinador do Programa ‘A Ponte entre o ensino medio e a USC’, Luis Hervella. Por parte dos estudantes interveu a alumna Mayte López Atanes, do IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia, para dar paso a continuación á directora do IES Saturnino Montojo de Ferrol, Marta Plumed Gimeno, en representación dos centros. Na cerimonia, cunha participación prevista dun milleiro de asistentes, fíxoselles entrega dun diploma co desexo de que manteñan a mesma liña de traballos en cursos vindeiros. Concurso de relatos curtos O acto aproveitouse ademais para facer entrega dos premios do concurso de relatos curtos ‘ Como te imaxinas na USC?’, cuxo xurado presidía o profesor Manuel Rodríguez Salgado, que este ano obtiveron dúas alumnas do IES Rosalía de Castro de Santiago: Noelia María Muíño González, o primeiro, e Laura Villar Gómez a mención. Asistiron ao acto convocados pola USC a práctica totalidade dos mellores expedientes galegos O reitor, terceiro pola dereita, fixo entrega de diplomas aos estudantes

The contents of this page were updated on 07.09.2010.