Investigadores galegos e brasileiros colaboran nun proxecto de estudo da variación lingüística
O Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC acolle estes días a visita dun grupo de lingüistas brasileiros que colaboran con investigadores galegos do centro compostelán na preparación dun estudo sobre a variación e mudanza lingüística en galego e portugués do Brasil. Os seminarios que se están a desenvolver esta semana no ILG tentan detectar os puntos de interese comúns no estudo da variación lingüística e delimitar así os principios medotodolóxicos máis axeitados para a comparación entre as variedades galegas e brasileiras. O proxecto de investigación conxunto pretende abordar a variación e a mudanza lingüística no ámbito da fonética, da morfoloxía, da sintaxe e do léxico. O grupo de traballo está constituído polos investigadores do ILG da USC Henrique Monteagudo Romero, Rosario Álvarez Blanco, Ernesto González Seoane, Elisa Fernández Rei e Xulio Sousa Fernández; da Universidade Federal Fluminense son Jussara Abraçado de Almeida, Paulo Antonio Pinheiro Correa e Xoán Carlos Lagares Diez; e Valéria Gil Condé, da Universidade de São Paulo.