Skip to main content

Expertos de toda España estudan en Ordes a xestión integral dos diferentes residuos

UNIVERSIDADE DE VERÁN 2010

Cómo xestionar os diferentes tipos de residuos xerados a diario na sociedade é o tema sobre o que un grupo de expertos de toda España reflexionarán no curso que se impartirá dende o 19 ao 22 de xullo no Auditorio da Casa da Cultura de Ordes. Este seminario arrancará cunha conferencia a cargo do seu director e responsable do programa galego ‘Municipios Saudables e Sostibles 200-2010’, Francisco Peña Castiñeira, que falará sobre a problemática sanitaria e ambiental que supoñen os residuos. O programa deste curso, que ten unha carga lectiva de vinteseis horas, inclúe tamén a celebración de cinco mesas redondas nas que unha vintena de expertos e profesionais do sector que desenvolven o seu traballo en Galicia, Asturias, León e o País Vasco afondarán na xestión das diferentes tipoloxías de residuos, dende urbanos e industriais ata sanitarios, radioactivos, agrogandeiros, forestais ou de construción e demolición. As intervencións destes relatores completaranse cunha serie de visitas prácticas ao punto limpo de Ordes, a planta de reciclaxe e compostaxe do Barbanza ou ao Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia situado nas Somozas. Toda a información sobre este curso pódese consultar na páxina www.usc.es/cultura/uveran35_10.htm.

The contents of this page were updated on 07.12.2010.