Skip to main content

Un seminario internacional debate na USC sobre os desafíos das universidades na nova orde socio-económica

A Rede UNISIC que coordina a USC desenvolve estes días na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) de Santiago o IV Seminario Internacional ‘A ensinanza na Universidade para a sociedade do coñecemento: os procesos de determinación curricular’. O seminario ten como obxectivos abrir un debate no contexto das universidades iberoamericanas sobre os desafíos implicados na nova orde socio-económica; identificar as liñas de investigación sobre estas temáticas que axuden a comprender, avaliar e tomar decisións sobre o papel da universidade; profundar nas relacións entre políticas, investigacións e prácticas educativas no contexto universitario; e analizar as demandas formativas que xorden nestas condicións e visualizar a súa concreción no currículo académico. Os conferenciantes do encontro son Ivor Goodson e Alicia de Alba. O primeiro, profesor da Universidade de Brighton (Reino Unido), conta con destacadas publicacións como As Políticas de Currículo e de Escolarização (Editora Vozes: Rio de Janeiro, 2008) ou Education, Globalisation and New Times (Routledge: London & New York, 2007). Pola súa banda, Alicia de Alba é investigadora na Universidade Autónoma de México e autora de Posmodernidad y Educación (CESU UNAM, México, 1995), Curriculum: crisis, mito y perspectivas (Miño Y Davila, Buenos Aires, 1998) e Currículum universitario: académicos y futuro (CESU UNAM, México, 2002). Rede Unisic A Rede UNISIC (Universidade e Sociedade da Información e do Coñecemento) nace en 2006 como froito dos lazos que a través de diferentes proxectos de investigación e actividades de docencia compartidos con universidades de Latinoamérica se desenvolve no seno do Grupo de Investigación Stellae. Este, creado en 1997, agrupa a profesionais da educación que traballan arredor da problemática dos procesos de adaptación da universidade contemporánea ás novas condicións impostas polas sociedades e economías do coñecemento.

The contents of this page were updated on 07.15.2010.