Skip to main content

Comeza o outono

Na noite do mércores ao xoves, xusto ás 5:09 horas do día 23, o Sol pasará polo punto Libra ou Equinoccio de Setembro, momento no que comezará o outono no hemisferio boreal e, polo tanto, a Primavera no hemisferio austral. Tanto a xornada do día 22 como a do 23 a duración do día será semellante á da noite, producíndose este mércores o solpor exactamente polo oeste e o mencer do 23 polo Leste do horizonte. A partir de aí as noites aumentarán a súa duración chegando aproximadamente, na nosa latitude, ás 15 horas en torno ao 22 de decembro, cando (ás 00: 39 horas) comezará o inverno boreal. Deste xeito, matiza o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo, o outono alongarase 89,85 días, sendo a terceira estación en duración do ano despois do verán (93,65) e a primavera (92,75). O domingo 31 de outubro producirase o troco ao horario de inverno. Fenómenos astronómicos O fenómeno astronómico máis sobranceiro nestes próximos meses será a eclipse de Lúa do 21 de decembro, tan só unhas horas antes de rematar o Outono. Tamén nesta época no ano produciranse varias choivas de estrelas: as Dracónidas (co máximo o 8 de outubro), as Oriónidas (21 outubro), as Tauridas (4 novembro), as Leónidas (17 de novembro) e as Xemínidas (14 decembro). Por outra banda, sobre o 20 de outubro será posible a visión, con prismáticos, do cometa 103P/Hartley na constelación da Auriga. Incluso dende lugares sen contaminación lumínica podería verse a simple vista. O Outono é ademais, apunta Docobo, unha boa época para tentar observar a Vía Láctea pasando polas constelacións do Cisne, Cefeo, Casiopea, Perseo e Auriga.

The contents of this page were updated on 09.21.2010.