‘Nomes e Voces’ fala da represión en Galicia no X Congreso de Historia Contemporánea en Santander
O proxecto ‘Nomes e Voces’ que coordina a USC participa esta semana en Santander no X Congreso de Historia Contemporánea que organizan conxuntamente a Asociación de Historia Contemporánea e a Universidade de Cantabria. O encontro, que se presenta baixo o epígrafe ‘Historia, memoria e arquivos para a Guerra Civil e o Franquismo: Posibilidades de investigación e accesibilidade’, formúlase como un espazo de reflexión e debate científico sobre a Historia, a memoria e o uso e posibilidades das fontes para o estudo da cuestión desde os máis variados enfoques disciplinares. Desde a súa experiencia nestas temáticas, o Proxecto Nomes e Voces presentará as conferencias ‘ Fontes para o estudo da represión franquista en Galicia durante a guerra civil (1936-1939): os libros de rexistro de defuncións’ de Andrés Domínguez, Lourenzo Fernández e Antonio Somoza, e ‘ Viñeron por nós... A represión extraxudicial durante a guerra civil. O caso de Galicia’, responsabilidade de Emilio Grandío, Dionisio Pereira e Julio Prada.