Skip to main content

Comezou o curso da USC sobre as reescrituras actuais do conto popular

Nel participan os membros da rede de investigación ‘As literaturas infantís e xuvenís do marco ibérico e iberoamericano’ reunida en Santiago

A Rede temática ‘As literaturas infantís e xuvenís do marco ibérico e iberoamericano’ reúnese esta semana, na tarde do día 6 e toda a xornada do 7, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CIRP). Esta xuntanza anual coordínaa a investigadora e profesora da USC Blanca-Ana Roig Rechou, directora do proxecto ‘Informes de Literatura’. Algún dos asistentes a esta xuntanza participan tamén no Curso de Formación Continua ‘As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. Reescrituras actuais do conto popular. Século XXI’ que se inaugurou esta mañá e que se desenvolverá ata o mércores 8 na Biblioteca da Fundación Caixa Galicia. Nel presentaranse os acontecementos máis salientábeis sobre a LIX ibérica no último ano e o monográfico Reescrituras do conto popular (2000-2009). Organizado pola USC e a Asociación de Escritores en Lingua Galega co apoio de diversas institucións e con máis de cen matriculados, no curso terán lugar encontros con recompiladores de contos, con narradores tradicionais, con escritores e escritoras que reescriben contos; mesas e coloquios sobre as reescrituras actuais de contos populares e a súa investigación, experiencias, talleres, etc. O seminario clausurarase ás 16:00 horas do mércores 8 coa entrega de diplomas e a actuación de‘ O Galo Quirico e os seus amigos’ a cargo da Compañía Seisdedos e coa intervención de Anxo García e Carlos Quintá. Programación de actividades da Rede A Rede temática determinará na súa xuntanza as actividades a realizar pola Rede durante o actual ano académico, como o monográfico ‘O álbum infantil’ que tratará unha temática obxecto de debates no Curso de Formación Continua de 2011 organizado pola USC xunto a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). Ademais, falarán da organización dos Encontros Luso-Galaico-Franceses ‘Para maiores de 12: Tendências da Literatura Juvenil’ que se celebrarán na Biblioteca Almeida Garret de Porto os días 12 e 13 de novembro e do ‘Investigar en literatura infantil y juvenil’ a desenvolver na Facultade de Ciencias da Educación e Humanidades de Cuenca os días 10 e 11 de marzo de 2011 co apoio do Centro de Estudos de Promoción da Lectura e Literatura Infantil da Universidade de Castilla la Mancha. Prevén tamén presentar o libro Reescrituras do conto popular (2000-2009). Reflexións e seguir traballando na base de datos sobre os traballos de investigación titorizados (TITs-DEA) e títulos de tese que se están realizando. Os integrantes Do ámbito castelá asisten Pedro Cerrillo Torremocha, da Universidade de Castilla La Mancha; Jesús Díaz Armas, de La Laguna; e Mª Victoria Sotomayor Sáez, da Autónoma de Madrid. Do catalán: Ramón Lloréns García, de Alacante; Gemma Lluch Crespo, de Valencia; e Caterina Valriu, das Illas Baleares. De Galicia, María Jesús Agra Pardiñas, Carmen Franco Vázquez e Blanca-Ana Roig Rechou, as tres da USC. Do ámbito vasco participan Xabier Etxaniz Erle e Mari Jose Olaziregi Alustiza, da Universidade do País Vasco. Xa do ámbito portugués asisten José António Gomes, do Instituto Politécnico de Porto; Ana Margarida Ramos, da Universidade de Aveiro; e Sara Reis da Silva, do Minho. Chegan tamén de Iberoamérica João Luís Ceccantini, da Universidade Estadual Paulista ‘Júlio de Mesquita Filho’; Norma Chillemi de Lucero, de San Luis (Arxentina); Magdalena Damaris Vásquez Vargas, de Costa Rica; e Laura Guerrero Guadarrama, da Universidade Iberoamericana Ciudad de México. Ademais, participan as investigadoras colaboradoras da USC Eulalia Agrelo Costas, Pilar Bendoiro Mariño, Esther de León Viloria, Mar Fernández Vázquez, Carmen Ferreira Boo, Isabel Mociño González e Marta Neira Rodríguez; e o investigador da Universidade da Coruña José María Mesías Lema. Por último, asisten investigadoras brasileiras en formación que realizan traballos de investigación e as súas teses con membros da Rede.

The contents of this page were updated on 09.06.2010.