Skip to main content

Organizan un Seminario Internacional en homenaxe á profesora Esperanza Guisán co gallo da súa xubilación

Leva por lema ‘Razón e paixóns no utilitarismo. Vinte anos de estudos utilitaristas iberoamericanos’

As universidades de Santiago e A Coruña organizarán os días 21 e 22 de setembro o Seminario Internacional ‘Razón e paixóns no utilitarismo. Vinte anos de estudos utilitaristas iberoamericanos’ que servirá de homenaxe á profesora da USC Esperanza Guisán, co gallo da súa inminente xubilación. O seminario recoñece así súa a longa traxectoria de máis de 30 anos de dedicación á Ética e á Filosofía política que nos anos 90 deu lugar á conformación dun amplo e moi activo grupo de ámbito iberoamericano centrado no estudo do utilitarismo clásico e contemporáneo e as súas aplicacións, na actualidade agrupado arredor da revista Τέλος e a Sociedade Iberoamericana de Estudos Utilitaristas. Aínda que o núcleo principal do encontro o constitúen as conferencias maxistrais de prestixiosos investigadores de universidades españolas, iberoamericanas e anglosaxonas, a organización reservou dúas sesións de comunicacións para a participación de novos investigadores especializados ou en vías de especialización nos campos xerais da Ética, a Filosofía política, a Filosofía do dereito ou a Teoría económica, e máis especificamente nas achegas do Utilitarismo clásico e contemporáneo nestes eidos. Para acadar máis información sobre o encontro, as persoas interesadas deberán consultar a páxina web do congreso.

The contents of this page were updated on 09.10.2010.