Skip to main content

Juan Casares tomou posesión do seu cargo como reitor da Universidade de Santiago

Senén Barro entrégalle o bastón da USC a Juan Casares en presenza do presidente da Xunta
Senén Barro entrégalle o bastón da USC a Juan Casares en presenza do presidente da Xunta

O profesor Juan José Casares Long tomou este venres 25 posesión do seu cargo como reitor da Universidade de Santiago, nun acto presidido polo titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Na mesa presidencial estiveron presentes os reitores das universidades de Vigo e A Coruña, Salustiano Mato e José Mª Barja, respectivamente; o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez; e o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga. Tamén asistiron, entre outras autoridades, a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; o delegado do Goberno, Antón Louro; os alcaldes de Santiago e Lugo, Xosé Sánchez Bugallo e Xosé Clemente López Orozco, e a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas. Comezou a quenda de intervencións Senén Barro cun emocionado discurso de despedida no que concentrou ao redor do diálogo, a modernidade e a calidade os principais atributos presentes nos seus oito anos de mandato. “Chegou o final desta etapa inesquecible e impagable como intensa e complexa”, resumiu Barro. “O día a día na USC non é tal, senón que se vive por horas e ás veces ata por minutos –p roseguiu Barro-. Non obstante, pensamos e actuamos mirando o horizonte”. Nesta dirección, Campus Vida, proseguiu Barro, “é o paradigma desa mirada que supera os lindes universitarios e os tempos que nos toca xestionar”. Ao discurso do reitor saínte, Senén Barro, seguiulle a intervención de Isabel García-Rodeja que, en calidade de secretaría xeral en funcións, leu o cese do equipo reitoral saínte ao tempo que deu lectura ao nomeamento do profesor Casares Long como novo reitor da USC. Juan Casares, logo de prometer o cargo e de recibir de mans de Senén Barro a Medalla de Reitor e o bastón de mando, pronunciou o seu primeiro discurso como responsable da institución compostelá. O novo reitor, o número 223 na historia da USC, considera que “estamos a vivir un momento histórico, determinado por un proceso de cambio que se diferenza de todos os anteriores na velocidade en que se produce”. Neste contexto, o reitor Casares apunta como retos inmediatos a elaboración, discusión e aprobación duns novos estatutos e a negociación dun novo plan de financiamento do Sistema Universitario Galego que “se axuste ás especificidades da nosa Universidade e ás súas necesidades reais, para lles poder dar unha resposta de calidade ás demandas da sociedade”. No capítulo económico, o reitor aposta “por unha xestión económica responsable, transparente e comprometida coa realidade social, centrada nos intereses da institución e que non comprometa o noso futuro, garantindo deste xeito a autonomía universitaria e buscando permanente a colaboración con outras administracións e a sociedade civil” O novo modelo incorporado coa implantación do Espazo Europeo de Educación Superior define o terceiro dos retos, traballar a prol “dunha xestión profesional e eficaz, unha distribución dos recursos existentes con sentido común, unha organización académica baseada en parámetros de calidade, e unhas condicións de traballo e estudo axeitadas ao novo modelo”. Finalmente, Juan Casares pechou o relatorio de obxectivos referíndose ao establecemento do Espazo Europeo de Investigación, cuxa realidade “está a condicionar xa a nosa actuación neste eido, incluíndo aspectos como equidade, calidade, relevancia, propiedade intelectual, mobilidade e colaboración entre institucións”. Esta intervención deu paso á toma de posesión dos novos integrantes do equipo reitoral da USC, que xuraron ou prometeron o cargo. A sesión rematou co discurso do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, trazando un paralelismo histórico entre a USC e a administración autonómica. “ A nosa tradición parlamentaria comezou na Universidade” destacou o presidente da Xunta ao lembrar a historia máis recente de Galicia e máis en particular do propio lugar de celebración desta xornada, o Colexio de Fonseca, “berce do autogoberno galego onde fraguaron os primeiros debates da autonomía galega”. Sementeira do debate e da cooperación, do empeño constante por acubillalas xorden as principais achegas da Universidade, proseguiu Feijóo, quen entende que “a viaxe pola historia precisa dunha equipaxe conceptual que a USC atesoura”. Logo de agradecer a Senén Barro “oito anos de traballo, de determinación, de historia” deu a benvida a Juan Casares animándoo no reto de conseguir eficiencia no seu desempeño “que non pode perder a calidade e a busca incansable da excelencia” nas súas miras. Novo equipo reitoral

Xunto a Juan Casares, integran o novo equipo reitoral os vicerreitores de Investigación e Innovación, Francisco González; de Economía e Infraestruturas, Sara Cantorna; de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; de Estudos de Grao e Posgrao, Evas Castro Caridad; de Persoal Docente e Investigador, Carmen Fernández Morante; de Estudantes e Formación Continua, Francisco Ramón Durán Villa; de Responsabilidade Social e Calidade; Benita Silva Hermo; de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Francisco Javier Garbayo Montabes; adxunta para Estudos de Grao e Posgrao do Campus de Lugo; Mª Isabel González Rey; adxunto de Investigación e Innovación do Campus de Lugo, Pablo Ramil Rego; adxunta ao reitor para coordinación interna, Mercedes Pintos Barral; así como Comisionado para Ciencias da Saúde, Manuel Macia Cortiñas e a secretaría xeral, Lourdes Noya Ferreiro.

Casares pronunciou o seu discurso diante do presidente da Xunta de Galicia O presidente Feijoo cos reitores saínte e entrante, diante da maza da USC Parte do novo equipo reitoral Senén Barro colocándolle a Medalla ao reitor Juan Casares Vista xeral do acto no Salón Nobre de Fonseca

The contents of this page were updated on 06.25.2010.