Skip to main content

Veterinaria acolle este luns o último concerto do ciclo ‘Músicas na Vidreira’

Alumnos da Escola de Arte e Lecer do Colexio de Fingoi serán os protagonistas do último concerto do ciclo ‘Músicas na Vidreira’ que se desenvolverá este luns 14 ás 14:00 horas na vidreira da Facultade de Veterinaria. O recital dividirase en dúas partes, coa actuación dun grupo de gaitas e dunha orquestra. O grupo de gaitas, formado por Raquel Amor, Sara Vázquez, Alejandro Rodríguez, Álvaro Villamarín, Antón Montes, Jesús Bouza e Alberto Cuéllar, interpretará Mazurca de Bretoña, as Muiñeiras de Lugo e do Antigo Reino de Galicia, e o pasodoble Mallou. A orquestra, que integran Cristina López, Alexandre Porto, Laura Núñez, Germán Linares, Sara López, Carmen Amor, Evaristo Frieiro, Manuel Fernández e María Ruíz, tocará Village Festival e I Movemento do concerto en Sol Maior para viola de Telemann. Apoio aos novos intérpretes O ciclo ‘Músicas na vidreira’ creouse este ano académico ao amparo do convenio Lugo Cultural co obxectivo de servir de apoio aos novos intérpretes, dándolles a oportunidade de actuar cos seus diferentes conservatorios ou agrupacións nun lugar destacado do campus lugués como é a vidreira de Veterinaria. Nesta iniciativa participaron alumnos do Conservatorio Profesional de Música de Lugo, a Escola Privada de Música Cantarela, o Centro Autorizado Profesional de Música Galén, o Conservatorio de Música Profesional de Fingoi e a Escola de Música Fábrica de Sons.

The contents of this page were updated on 06.11.2010.