Visita institucional ao Centro singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas

O reitor en funcións da USC Senén Barro encabezou este mércores 16 unha visita institucional ao Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas, coincidindo coa recepción oficial desta nova edificación incluída nas infraestruturas do Campus de Excelencia Internacional, Campus Vida. Este centro é un dos seis edificios que forman parte da Rede de Centros Singulares de Investigación coa que se está a promover un novo modelo de organización da investigación destinado a mellorar a transferencia e a valorización do coñecemento no ámbito internacional. O edificio, no que se levarán a cabo programas de investigación en áreas como a endocrinoloxía, neurociencia, oncoloxía, cardioloxía e reumatoloxía, conta cunha capacidade para 250 investigadores. Tamén estarán representadas outras áreas transversais como a investigación e o desenvolvemento de fármacos, medicina xenómica e bioestatística. A produtividade e competitividade dos investigadores será valorada externamente co fin de asegurar o cumprimento dos obxectivos. Cunha superficie de case 13.000 metros cadrados, a inversión realizada aproxímase aos dez millóns de euros ao que deberá engadirse o orzamento destinado á adquisición de equipamento, outros tres. A inauguración oficial está prevista para finais de 2010. Sobre o seu emprazamento, Senén Barro considera que se atopa nun lugar emblemático, na intersección do Campus coa cidade, o que avala o concepto de “Univercidade”. No proceso de deseño do centro, tanto dende o punto de vista temático como organizativo, participou unha comisión interna e outra asesora externa do mais alto nivel, encargándose esta de valorar as expresións de interese dos investigadores e seleccionando 26 investigadores principais nunha primeira fase. Esta selección supón unha ocupación en torno ao 70%, nun centro singular con capacidade para 250 investigadores que se irán incorporando de xeito paulatino. Segundo puxo de manifesto Senén Barro, o centro permitirá dar un salto exponencial na investigación, sobre todo dende a perspectiva do retorno á sociedade, a través dunha aposta que aspira “a ser un referente internacional e un foco de atracción de novo talento”. Acompañaron ao reitor un nutrido grupo de vicerreitores do seu equipo de Goberno; o reitor electo Juan Casares, así como integrantes do seu futuro equipo; o alcalde; concelleiros; a xerente do Sergas, Rocío Mosquera; representantes da empresa Dragados, encargada da execución da obra; o responsable da Oficina de Arquitectura e Urbanismo, Arturo Campanero; o arquitecto responsable da obra Celestino García Braña; e o director comisario do centro, Carlos Diéguez.