Alumnas do Master en Arte, museoloxía e crítica contemporáneas presentan na Zona "C" a exposición ‘Entre a razón e a pel’
Froito do convenio de colaboración entre a USC, o Master en Arte, museoloxía e crítica contemporáneas e a Concellaría de Cultura de Santiago para o fomento de intervención de creadores na Zona "C", este xoves inaugurouse nese espazo municipal a exposición ‘Entre a razón e a pel, de Nuria Ruibal, comisariada por Ana Amado, ambas as dúas alumnas do posgrao. ‘Entre a razón e a pel’, unha instalación efémera, de estrutura delicada e sutil, é unha metáfora inmediata no dobre sentido de translación ou transporte, e de remisión a outra realidade: a construción existencial do ser humano no seu modo de estar no mundo, de se coñecer e se expresar a si mesmo, así como de estabelecer relacións comunicativas cos outros. A artista Nuria Ruibal formula nesta instalación, concibida especificamente para a sala da Zona C, un interesante percorrido no que fala da vulnerabilidade do ser humano no seu eu máis íntimo e das barreiras das que este dispón para defenderse, relacionarse co mundo exterior, e a temida e á vez desexada mirada do outro. No rostro encontramos o lugar onde a vulnerabilidade se manifesta máis intensamente. A pel convértese no papel onde se debuxan e escriben eses relatos incompletos. A artista transmite esta fraxilidade conformando un delicado paisaxe de alfinetes, elemento punzante e ferinte, sobre os que debuxa a paisaxe do seu propio rostro. O acto de inauguración contou coa presenza da tenente de alcalde e concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde; o director-xerente do Auditorio de Galicia, X. Paulo Rodríguez Domínguez; e os directores do Master, Marisa Sobrino e Federico López Silvestre. A exposición permanecerá aberta ata o 12 de setembro e pode visitarse todos os días, excepto o luns, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20.00 horas.