Skip to main content

A solicitude de ingreso en titulacións con límite de prazas debe realizarse por internet

Logo da inscrición, comeza en xullo o período de matrícula na USC

O alumnado que superou as PAAU en Galicia ou teña o título de Técnico Superior de Formación Profesional por un centro galego que queira cursar unha titulación con límite de prazas na USC deberá solicitar a vindeira semana o ingreso por internet.

Para iso necesitarase un código de acceso (contrasinal) que se pode solicitar na páxina web da Ciug no apartado ‘Nerta’. En caso necesario, tamén se poderá solicitar no centro de bacharelato onde se cursaron estudos ou no LERD que lles corresponda.

As reclamacións ás cualificacións das PAAU e as solicitudes de segunda corrección tamén se farán por internet, accedendo coa contrasinal, a través da páxina da CIUG.

No caso de quen realizase os estudos de acceso á universidade noutras comunidades autónomas deberán dirixirse ao LERD para obter ese código de acceso.

Matrícula

Logo da inscrición, o prazo de matrícula para os estudantes que iniciarán estudos en titulacións con límite comezará o día 19 de xullo coa primeira quenda establecida en función das prioridades do alumnado. Nese mesmo mes haberá outra quenda máis para logo pasar ao mes de setembro con tres prazos de matrícula e outros tantos en outubro, sendo o derradeiro día de matrícula o 22 dese mes.

No caso dos títulos sen límite, establécese un único período de matrícula que se estende do 7 de xullo ao 10 de setembro. Para estes graos, haberá un segundo prazo de matrícula no segundo cuadrimestre do 11 ao 25 de febreiro de 2011.

Todos os estudantes, incluídos os de primeiro curso, deberán facer a matrícula por internet (www.usc.es/matricula). O pagamento das taxas poderá ser único ou fraccionado en tres prazos, o primeiro coa matrícula, o segundo en decembro e o último na primeira quincena de marzo.

The contents of this page were updated on 06.25.2010.