Skip to main content

Expertos internacionais promoven en Santiago a aplicación de métodos estatísticos en ciencias medioambientais

O Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Santiago organiza o V International Workshop on Spatio-Temporal Modelling (METMAV) dos días 30 de xuño ao 2 de xullo. A xuntanza trata de promover o desenvolvemento e a aplicación de métodos estatísticos espazo-temporais en diferentes campos relacionados coas ciencias medioambientais. Será o reitor Juan Casares Long quen, ás 9:30 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas, inaugure oficialmente este encontro ao que asisten como conferenciantes convidados expertos de Estados Unidos, Reino Unido, Canadá, Taiwan, Austria, Alemaña e Noruega. O congreso organizárono ao longo da última década diferentes grupos de investigación españois, sendo as anteriores reunións en Benicassim (2001), Granada (2004), Pamplona (2006) e Alghero (2008, Italia), cun alto nivel de participación e de calidade científica das achegas presentadas. Ao igual que nas edicións previas, editarase un número especial de Environmetrics que reúna os traballos presentados así como un número especial de Journal of Environmental Statistics. Foro de análise Como actividade previa ao congreso, este martes desenvólvese tamén na facultade o Foro de Análise de Datos Estratéxicos, organizado polo Nodo CESGA do proxecto Ingenio MATHEMATICA (i-MATH) e polo Departamento de Estatística e Investigación Operativa da USC.

The contents of this page were updated on 06.29.2010.