Un equipo da Escola Politécnica Superior de Lugo estuda os efectos do carballo galego na crianza do viño

Comprobar se o uso de barricas elaboradas con madeira de carballo galego para madurar o viño mellora a súa calidade é o obxectivo da investigación que a USC e a Universidade de Castela-A Mancha están a desenvolver conxuntamente baixo a dirección do profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo Ignacio Díaz-Maroto. Para determinar as propiedades que esa madeira lle outorga aos caldos, novecentos litros da colleita do ano pasado das denominacións de orixe Ribeira Sacra e Valdeorras repousan dende hai varios meses en catro barricas bordelesas, con capacidade para 225 litros, elaboradas con carballo da terra pola empresa Lugo Forestal Peninsular. Aos recipientes déuselles un lixeiro tostado, acadado por simple contacto co fume, antes de introducir o viño, que se deixará madurar ata que os enólogos estimen que a madeira non lle pode aportar nada máis. Os expertos xa realizaron algunha cata, pero as decisivas serán as que se realicen cando os caldos se pasen á botella e repousen un tempo no vidro. Esta investigación está financiada pola Comisión Interministerial de Ciencia e Tecnoloxía e conta co respaldo do Consello Regulador da denominación de orixe Valdeorras. Á espera dos resultados Malia que o viño aínda repousa nas barricas, a adega Algueira e o Consello Regulador da denominación de orixe Valdeorras, que reúne a maior superficie de viñedos de Galicia, amosaron xa o seu interese por esta investigación de xeito que, de obter resultados positivos, os viños mencía poderían comezar a madurarse en barricas elaboradas con carballos galegos, substituíndo aos tradicionais recipientes de carballo francés e americano que teñen unha composición química diferente e custan uns 1.500 euros por unidade. En Galicia hai ao redor de 200.000 hectáreas de carballeiras autóctonas e a súa madeira tense empregado para elaborar recipientes para transportar os viños pero nunca para facer caldos de crianza, unha costume que pensaron en cambiar os investigadores do Campus de Lugo Ignacio Díaz-Maroto e Pablo Vila. O seu traballo divídese en tres fases, a primeira na que houbo que recoñecer a potencialidade da madeira galega; a segunda e actual, na que o viño repousa nas barricas; e a terceira, que se levará a cabo antes da nova colleita e que suporá o embotellado dos caldos, facendo sucesivas catas para ver qué propiedades especiais aportou a madeira. Si se demostra que o uso dos carballos autóctonos lle concede ao viño características especiais que dean resposta aos viños lixeiros que cada vez teñen maior demanda no mercado, os investigadores pensan xa en estudar os efectos doutras especies autóctonas como o castiñeiro.