Skip to main content

Os decanos de Economía e Empresa de España reclaman en Santiago maior transparencia nos criterios de avaliación dos sexenios de investigación

Os decanos reuníronse na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais
Os decanos reuníronse na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

A Conferencia Española de Decanos de Economía e Empresa (Confede) reunida a pasada semana en Santiago debateu con especial intensidade acerca dos criterios para a avaliación dos sexenios de investigación. A ese respecto denuncian unha “falla de transparencia” que provoca que en economía e empresa os resultados nesa avaliación sexan “moi inferiores” aos que se producen noutras áreas de ciencias sociais. Á vista deses datos, “inadmisibles” segundo o documento que recolle as conclusións da xornada, a Confede solicita criterios cuantificados e transparentes mediante o establecemento duns baremos concretos e a súa estabilidade no tempo. Sobre a implantación dos novos graos económico-empresariais, a Conferencia di precisar de, polo menos, un segundo ano para confirmar os resultados “inicialmente positivos” aínda que detectaron dificultades nos axustes docentes ás novas metodoloxías que esixen una avaliación continua. Tamén neste punto reclaman a existencia de criterios homoxéneos nas distintas universidades respecto da posta en marcha dos novos graos. Outros asuntos tratados na xuntanza, á que acudiron 70 representantes de 50 Facultades de toda España, na súa maioría públicas, referíronse ás dificultades que ocasiona a convocatoria das probas de acceso á universidade en setembro ou á participación do profesorado coa especialidade de economía nas accións formativas que se podan derivar do Plan de Educación Financeira BE-CNMV.

Por último, solicitaron o envío de información aos reitores sobre o Proxecto de Real Decreto polo que se regulan as ensinanzas oficiais de Doutoramento, coa fin de abrir o debate nas universidades.

The contents of this page were updated on 06.28.2010.