O reitor da USC inaugurará este mércores en Lugo a nova sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural
O reitor da USC, Senén Barro, inaugurará este mércores 9 ás 12:30 horas a nova sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) do campus lugués situada na coñecida como ‘Casa da Granxa’, entre a Facultade de Dirección e Administración de Empresas e o Hospital Clínico Veterinario Rof Codina.
Á inauguración asistirán tamén o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o director do IBADER e futuro vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil; o presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro; o alcalde de Lugo, José López Orozco; e outras autoridades da vida política, social e académica local, provincial e autonómica.
O edificio, que se restaurou grazas ao convenio de colaboración asinado entre a USC, as consellarías de Medio Ambiente e Medio Rural e a Deputación Provincial de Lugo, dispón de dúas plantas con preto de 400 metros cadrados de superficie útil, nas que se distribúen diversos despachos e salas de traballo ademais dun laboratorio de catalogación e recursos biolóxicos ou un sistema de información xeográfica.
Xa pola tarde, ás 17:00 horas, a sede do IBADER, antes situada na Facultade de Veterinaria, abrirá as súas portas a todas aquelas persoas que desexen coñecer as súas instalacións.