Skip to main content

Unha tese da USC suxire mellorar as accións de información e orientación que se ofrecen ao alumnado universitario

A doutora Beatriz García Antelo, do Departamento de Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación, advirte na súa tese de doutoramento da necesidade de mellorar as accións de información e orientación que se ofrecen ao alumnado universitario, “non só durante os seus estudos, senón tamén no acceso e adaptación a estes e ao finalizalos”.
Os retos educativos que conleva a converxencia europea cara a un espazo común de Ensino Superior postulan un cambio no modelo formativo predominante nos últimos anos que atribúe un maior protagonismo ao alumnado na súa formación, converténdose a titoría nun elemento indispensable e proactivo, non só reactivo.
No seu traballo ‘A titoría na Universidade de Santiago de Compostela: percepción e valoración de alumnado e profesorado’, dirixido por Cristina Abeal Pereira, resalta que os cometidos que o Espazo Europeo de Educación Superior lle esixe á titoría e, máis extensivamente, á docencia, requiren ademais da implicación activa dos principais protagonistas do cambio.
Pero non só. Beatriz García Antelo considera esencial ademais “un claro compromiso institucional” coa titoría e a orientación “a través de políticas da propia universidade, facilitando os recursos materiais e humanos que o fagan posible”, así como “dotar á formación da importancia que merece na adquisición de competencias docentes e titoriais”, con especial atención ao profesorado novel.
No tocante á responsabilidade que o docente debe asumir no seu rol como titor, ambos colectivos consideran maioritariamente que a acción titorial debe exceder o estritamente académico. Esta posición maioritaria de ambos grupos constitúe para a doutora “un paso importante no camiño cara á superación dun modelo de acción titorial que se fundamenta de forma exclusiva na materia”.
Por outra banda, para a doutora débese dotar de contido ás titorías, de forma que se integren e formen parte esencial do desenvolvemento da materia. “En efecto, se na formulación das titorías programadas estas se limitan a sesións obrigatorias sen un claro obxectivo, resulta difícil que poidan aproveitarse todas as posibilidades que brindan”, aclara.
Retos do EEESNa nova concepción titorial que esixe o EEES, “cunha maior responsabilidade”, García Antelo percibiu que a maioría de docentes enquisados (o 60,2%) necesitaría recibir unha formación específica, “sen obviar que algúns deles indican que, a pesar de que lles gustaría recibir formación en relación a todas as temáticas que se expoñen, non dispoñen de tempo suficiente”.
Cabe sinalar neste aspecto que as actividades nas que participou o profesorado se organizaron maioritariamente desde o Programa de Formación e Innovación Docente da USC, “polo que este se confirma como o principal recurso de formación ao que acode o profesorado para mellorar as súas competencias como titor”, sinala a autora.
Para a investigación, Beatriz Antelo entrevistou a 653 alumnas e alumnos de 17 titulacións da USC e a 224 docentes de 24 das 25 facultades e escolas universitarias da USC.

The contents of this page were updated on 06.02.2010.