Lugo Cultural entregou os cinco premios do XVI Maratón fotográfico do Campus de Lugo

Representantes das entidades que conforman o proxecto Lugo Cultural entregaron este mércores na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria do campus lugués os premios da décimo sexta edición do Maratón Fotográfico, que contou coa participación de corenta e seis persoas.
Os temas desta convocatoria, a máis concorrida da historia do certame, foron a Muralla e os olores, ademais do habitual tema libre na modalidade analóxica. Estas propostas permitiron aos fotógrafos ofrecer a súa particular visión do monumento romano da capital luguesa, que celebra este ano o seu décimo aniversario como Patrimonio da Humanidade, ou demostrar o seu enxeño á hora de reflectir a través da imaxe as sensacións que lles producen certos olores.
Os premiadosLogo de valorar a calidade e orixinalidade de todos os traballos presentados, o xurado composto polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o coordinador do Espazo de Fotografía da USC, Eduardo Ochoa; e o fotógrafo Carlos Valcárcel, decidiu outorgar os premios á mellor fotografía por cada un dos temas propostos, dotados con 120 euros e trofeo, a Óscar Vázquez Arrojo pola fotografía Anos de Muralla, a Omar Feijóo Guerrero por Sumidoiros e a Vicente Díaz Pérez por Fiestra!.
O premio á película de nivel medio máis alto, dotado con 206 euros e trofeo, foi para Juan Carlos Ferreiro Bargados; e o galardón ‘Carlos Valcárcel’, dotado con 236 euros e trofeo, recaeu en Denis Llanos de Lu.
Ademais dos membros do xurado, o acto de entrega de premios contou coa presenza da decana da Facultade de Veterinaria, Ana María Bravo del Moral; o delegado territorial da Xunta de Galicia, Xosé Carlos Rodríguez Andina; o delegado de Cultura da Deputación Provincial, Antonio Veiga; a concelleira de Cultura, Nuria Mundiña; o xerente territorial da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez; e os membros do taller de malabares da USC, dirixido por Celso Pereira, que realizaron unha demostración do traballo desenvolvido ao longo do curso.
Exposición dos traballosTrala entrega dos premios, os representantes de Lugo Cultural inauguraron unha exposición con 58 fotografías presentadas ao Maratón Fotográfico deste ano, entre as que figuran os cinco traballos galardoados.
Esta mostra pódese visitar ata o vindeiro 30 de xuño, de luns a venres en horario de 09:00 a 21:00 horas, na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria. Posteriormente os traballos exhibiranse no centro social Uxío Novoneira da capital luguesa.