Skip to main content

A Asemblea da Federación Panamericana de Leitería reunirá en Lugo a profesionais e empresarios do sector lácteo de 16 países

O vicerreitor con Juan Méndez, antes da presentación
O vicerreitor con Juan Méndez, antes da presentación

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, e o director do Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia-Aula de Produtos Lácteos, Juan Méndez Dónega, presentaron este xoves a 18ª Asemblea Xeral da Federación Panamericana de Leitería (Fepale), que se celebrará en Lugo do 26 ao 29 de outubro. Este evento complementarase con outras actividades como son o workshop ‘Formación e I+D+I no Sector Lácteo’ e a reunión da Alianza Láctea Global. O Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia-Aula de Produtos Lácteos será o encargado da organización destes eventos, enfocados principalmente na Asemblea, que se desenvolve por vez primeira fóra do continente americano. Este conxunto de iniciativas é de grande interese para a internacionalización do sector, e converterá a cidade da Muralla na capital europea da análise do comercio no sector lácteo. Acudirán a este encontro uns 120 participantes vinculados a organizacións e empresas de produción e transformación americanas e de centros investigación do mesmo continente. A reunión permitirá, tal e como sinala o director da Aula de Produtos Lácteos, Juan Méndez, abrir canles de comunicación entre América Latina, España e Portugal. “O obxectivo é que as empresas intercambien coñecementos e se vexan unhas a outras como aliadas e non como competidoras”. García Herradón destacou, pola súa parte, que esta é unha oportunidade da Aula para dar a coñecer as súas instalacións e establecer máis vías de colaboración con Latinoamérica.

O workshop congregará a investigadores do ámbito internacional, mentres que a reunión da Alianza Láctea Global achegará á cidade durante eses días a un colectivo formado por industrias lácteas que representan a meirande parte do comercio mundial e emprazadas en Arxentina, Australia, Brasil, Chile, Nova Zelanda e Uruguai. Durante a asemblea abordaranse cuestións como a diferenciación de produtos, as marcas brancas, as políticas agrarias comúns e o intercambio de coñecementos entre o sector ibérico e o americano.

The contents of this page were updated on 10.21.2010.