Skip to main content

O grupo I+D Farma da USC participa nun proxecto para valorizar os recursos e residuos mariños de Galicia e Portugal

A profesora Mariana Landín, terceira pola esquerda, con parte do seu equipo de investigación
A profesora Mariana Landín, terceira pola esquerda, con parte do seu equipo de investigación
Pretenden aplicalos no sector biomédico, farmacéutico e alimentario

Aumentar o valor dos recursos naturais das rías, das zonas costeiras e das concas fluviais de Galicia e do norte de Portugal dun xeito sostible e economicamente viable é o obxectivo do proxecto transfronteirizo IBEROMARE coordinado polo Grupo de Investigación 3B’s da Universidade portuguesa de Minho e no que participa o grupo ‘I+D Farma’ da USC do que é investigadora principal a profesora Mariana Landín.

Este proxecto, financiado con fondos Feder a través do Programa Operacional de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, centra os seus esforzos en promover a interacción entre o tecido empresarial e as institucións galegas e portuguesas así como en fomentar a innovación tecnolóxica e a competitividade nun sector tradicional da economía como é o mariño, en moitos casos con escasa incorporación de tecnoloxía e con traballadores pouco cualificados.

O equipo do proxecto organiza tamén todo un programa de accións públicas co fin de sensibilizar á poboación do enorme potencial que supón o sector mariño para a economía, tendo en conta que ao redor do 5% do Produto Nacional Bruto da Unión Europea, o terceiro produtor pesqueiro do mundo, provén directamente das industrias e servizos mariños, sen incluír o valor das materias primas, como o peixe e outros recursos, nin as vantaxes económicas indirectas derivadas de sectores como o turismo ou o sector inmobiliario.

Para traballar na consecución de todos estes obxectivos crearase un Centro Multipolar de Valorización de Recursos e Residuos Mariños, que funcionará como unha rede especializada en I+D que servirá para manter o contacto entre as industrias ligadas ao sector do mar, e que lles posibilitará presentar propostas de valorización dos recursos biolóxicos mariños e fluviais, e dos residuos ou subprodutos industriais resultantes do procesamento do peixe, o marisco ou os residuos da acuicultura, derivando en produtos de alto valor con aplicación en diversas áreas tecnolóxicas, especialmente na industria biomédica, farmacéutica e alimenticia.

No proxecto IBEROMARE, que ten unha duración de tres anos e conta cun financiamento de 1,5 millóns de euros, colabora un consorcio composto por algunhas das principais institucións de investigación científica de Galicia e do norte de Portugal, como é o caso do grupo I+D Farma do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, a Fundación Cetmar-Centro Tecnolóxico do Mar de Vigo, o Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas ou o Centro Interdisciplinar de Investigación Mariña e Ambiental da Universidade de Porto.

Grupo I+D Farma
Este grupo de investigación da USC aporta ao consorcio do proxecto IBEROMARE a súa experiencia no deseño e desenvolvemento de sistemas de liberación de fármacos. O campo farmacéutico e biomédico resulta de especial interese si se pretende dotar de valor engadido aos produtos de orixe mariño que son obxecto de estudo deste proxecto de investigación de cooperación transfronteiriza.

Entre as investigacións que este equipo leva a cabo destaca a utilización de polisacáridos mariños como materias primas para a elaboración de hidroxeles con prestacións avanzadas para a liberación de medicamentos ou a avaliación de cerámicas biomórficas de orixe mariño, útiles en enxeñaría de tecidos ou como sistemas de portadores de fármacos.

The contents of this page were updated on 06.07.2010.