Campus Vida preséntase á recalificación da convocatoria de Campus de Excelencia Internacional
Campus Vida buscará este martes 19 reafirmarse na súa consideración como Campus de Excelencia Internacional na segunda convocatoria deste programa do Ministerio de Educación. A USC aspira agora a alcanzala referencia global, mérito que só obtiveron 5 dos 9 Campus de Excelencia concedidos en 2009. O reitor compostelán Juan Casares Long presentará en Madrid o proxecto de Campus Vida, único dos destacados no ámbito rexional na convocatoria de 2009 que aspira á recalificación. Secundará ademais a presentación que o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, fará do proxecto Campus do Mar "Knowledge in depth", no que están implicadas as tres universidades galegas. Campus Vida Como novidades, o proxecto compostelán suma tres novos apoios estratéxicos como son o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía, a Facultade de Veterinaria e os centros de investigación biomédica do Servizo Galego de Saúde nos complexos hospitalarios da Coruña e Vigo. O proxecto ten ampliado nos últimos meses o seu ámbito de actuación e a súa potencialidade como principal recurso investigador no ámbito biosanitario do noroeste hispano-portugués, coa incorporación dos principais axentes públicos e privados do eido das Ciencias da Saúde pero tamén coa creación da Escola de Doutoramento Internacional e a conformación do bioclúster de I+D. Se ben a recalificación está exenta de novas dotacións económicas, a súa consecución sería un novo empuxe a un proxecto que o reitor Juan Casares considera que ten acadado un novo grao de madurez “crecendo cuantitativa e cualitativamente en todos os seus eixes de actuación coa votade inequívoca de ser un referente global”. Knowledge in depth As tres universidades galegas, o CSIC e o IEO lideran este proxecto apoiado por unha potente agrupación de I+D mariño, que pon ao servizo desta iniciativa a súa experiencia en docencia, investigación e transferencia das ciencias e tecnoloxías do mar.
Empresas e institucións de todo o mundo mostraron o seu compromiso con este “ecosistema de coñecemento”, garantindo a súa fortaleza no campo da investigación mariña e creando unha frutífera unión de esforzos dirixidos a mellorar e reforzar eficazmente a calidade da oferta, a internacionalización e a excelencia.