Skip to main content

Celebrado o acto de benvida aos alumnos estranxeiros de Lugo

Coa presenza de preto dun centenar de estudantes procedentes dos diferentes continentes, o reitor Juan Casares presidiu este venres na Facultade de Veterinaria o acto de benvida ao alumnado estranxeiro que este curso vai cursar estudos no campus lugués. Casares destacou a presenza no acto dunha representación de estudantes procedentes de practicamente todas as latitudes do planeta. No Campus de Lugo estudarán este ano aproximadamente 150 estudantes estranxeiros, na súa maioría do programa Sócrates-Erasmus, procedentes en maior medida de Iberoamérica, Europa e Asia. Os centros nos que a presenza deste alumnado se notará máis son a Facultade de Veterinaria e a Escola Politécnica Superior. Referíndose ás posibilidades que o espazo universitario lugués ofrece, o reitor lembrou o carácter bimilenario da cidade e como o Campus se atopa moi enraizado e integrado nela. Xunto ao reitor, asistiron ao acto o vicerreitor de Coordinación e Planificación de Lugo, Pedro García Herradón; a concelleira de Mocidade de Lugo, Rosana Rielo; a vicerreitora adxunta para estudos de Grao e Posgrao, María Isabel González; e o coordinador de Relacións Exteriores, Diego Peña.

Ao longo do presente ano, os centros da Universidade de Santiago tanto en Compostela como en Lugo acollerán a preto de 1.400 estudantes procedentes da práctica totalidade de países da Unión Europea e de latinoamérica, representando a medio centenar de nacionalidades ao longo de todo o globo. A maior proporción deste colectivo correspóndese co alumnado do programa Erasmus, seguido polos estudantes chegados a través de convenio bilaterais e finalmente do programa Erasmus Mundus. Estas cifras sitúan á institución compostelá entre as universidades, non só españolas senón tamén europeas, con maior capacidade de atracción para estudantes estranxeiros.

The contents of this page were updated on 10.01.2010.