Skip to main content

O escritor brasileiro João Gilberto Noll, novo convidado dos Encontros do Paraninfo

O escritor brasileiro João Gilberto Noll, considerado como un dos principias expoñentes da literatura brasileira contemporánea, será o protagonista este luns 28 dos Encontros no Paraninfo. Organizan a xornada a Vicerreitoría de Cultura da USC e a Fundación Cultural Hispano-Brasileira coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
A sesión, na que o escritor participa a través do programa Escritor Visitante, comezará ás 19:30 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) e nela tamén estará presente o escritor e docente Carlos Quiroga, aos que moderará a profesora Carmen Villarino. João Gilberto Noll, con anterioridade a estes Encontros, compareceu ante os medios de comunicación nun acto no que o acompañaron a vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo; a representante da Fundación Cultural Hispano-Brasileña, Fabiana Brzeski Alves; e os profesores Carmen Villarino e Carlos Quiroga.
Nacido en Porto Alegre en 1946, é autor de trece libros polos que ten recibido diversos premios entre eles, e en cinco ocasións, o Prêmio Jabuti, considerado como o máis prestixioso de Brasil. Ademais, o seu romance Harmada figura na lista dos ‘100 libros esenciais da literatura brasileira’.
Segundo os promotores desta sesión dos ‘Encontros do Paraninfo’, João Gilberto Noll é un autor que “profunda na experiencia humana, perturbadora e radical das últimas décadas”. Os seus textos ‘musiciais’ “eliminan as fronteiras entre prosa e poesía, ficción e autobiografía, e están inspirados na disolución da identidade e as viaxes, temas que o obsesionan e contribúen para a súa posición de prestixio no Brasil”, engaden.
O programa Escritor Visitante da Fundación chega a Santiago procedente de Madrid e Salamanca, sendo a súa próxima cita este mesmo martes 29 en Barcelona. O procedente desta visita na USC, remóntase ao ano 2007 coa visita de Ferreira Gullar.

The contents of this page were updated on 09.28.2009.