Docentes da USC asisten a un seminario sobre formación por competencias

Un nutrido grupo de profesores da USC asiste este mércores a un seminario sobre a formación por competencias enmarcado no Programa de Formación e Innovación Docente (PFID). A xornada inaugurouse no salón de actos de Ciencias da Educación coa asistencia do vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), Máximo Pló; o decano da Facultade, Lois Ferradás; e a coordinadora do PFID, Elisa Jato.
Logo da apertura tivo lugar unha conferencia da experta da Universidade Politécnica de Valencia Amparo Fernández March titulada ‘A avaliación de competencias no ensino universitario’. A sesión contempla tamén varios obradoiros, unha intervención do profesor Antonio Rial sobre os perfís profesionais da planificación docente e unhas conversas con Celso Rodríguez, Salvador Carrasco e Albertina Oliveira.
Desde que se iniciou o proceso de converxencia, a formación por competencias aparece como unha das pezas clave no obxectivo de trasladar o eixe da docencia desde o ensino cara a aprendizaxe. Este cambio supón unha revisión importante do traballo docente, a planificación, as metodoloxías, a avaliación e os recursos didácticos. O seminario pretende así desentrañar o sentido didáctico do traballo por competencias e ver a forma en que se poden incorporar ao deseño e á avaliación das respectivas disciplinas.
O PFIDO encontro é a primeira actividade deste curso organizada polo Seminario Permanente sobre o EEES do PFID, que ten como finalidade principal establecer un marco de formación que permita adquirir e mellorar as competencias docentes, investigadoras e de xestión necesarias para o exercicio profesional na Universidade no marco de Bolonia.
A maiores deste seminario permanente, o PFID contempla unha formación xeral de cursos agrupados nos itinerarios formativos Tecnoloxías da información e da comunicación aplicadas á docencia, Estratexias de ensino-aprendizaxe, Avaliación, Titoría e orientación e Desenvolvemento profesional: investigación, xestión, linguas; e unha formación a demanda que inclúe actividades propostas polos centros.