A Oficina de Desenvolvemento Sostible participa nun curso sobre compra pública responsable
A coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, Dora Blanco, participa estes días no curso que sobre ferramentas técnicas para a compra pública responsable nas administracións públicas galegas organiza a asociación Amarante nas instalacións da Escola Galega de Administración Pública.
Blanco explicou aos asistentes os avances e atrancos da USC no que se refire á compra con criterios ambientais, sociais e éticos, normalmente enfocados á redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, redución da xeración de residuos, utilización eficiente de materias primas e enerxía e introdución de materiais reciclados, ademais do fomento do consumo responsable. Neste sentido, a USC avanzou tanto na compra de produtos como o material de imprenta como na contratación de servizos de limpeza ou en obras de novos edificios e na remodelación dos existentes.
O curso céntrase en coñecer exemplos de boas prácticas e en analizar as posibilidades que outorga a lexislación para introducir criterios ambientais, sociais e éticos nos procesos de compra de produtos e contratación de servizos por parte das administracións públicas en Galicia.