Profesionais do sector dos libros de texto e materiais didácticos de todo o mundo reúnense a vindeira semana en Santiago
Profesionais de recoñecido prestixio de moi diferentes ámbitos e países relacionados coa temática dos libros de texto e materiais didácticos reuniranse a vindeira semana en Santiago na súa décima conferencia internacional, a primeira que se celebra en Santiago.
A 10th International Conference on Textbooks and Educational Media, que leva por título ‘Local, National and Transnational identities in textbooks and educational media’, desenvolverase os días 3, 4 e 5 de setembro no Auditorio de Galicia. O encontro está promovido pola Asociación Internacional IARTEM (Internacional Association for Research on Textbooks and Educational Media) que ten entre os seus obxectivos fundamentais favorecer a investigación e análise dos libros de texto e materiais didácticos, establecer contactos entre os investigadores interesados nos medios educativos e favorecer a formación do profesorado.
Os expertos reunidos en Santiago tentarán responder a cuestións de actualidade como a afección dos cambios políticos, sociais, económicos nas decisións sobre os recursos educativos; a identidade que se reflicte nos materiais; a cultura e realidade emigrante e inmigrante que se recolle nestes e de que maneira aparece reflectida a cultura nos recursos e como eses recursos condicionan a propia cultura. Os organizadores salientan que este congreso contribuirá non só á análise da situación, senón sobre todo á toma de decisións sobre as políticas e as medidas que se poden emprender cos medios dispostos.
ExposiciónParalela ao encontro poderase visitar na sala de exposicións do Auditorio de Galicia a exposición ‘Libros de texto e outros recursos didácticos elaborados en Galicia’, concibida ao abeiro do X Congreso Internacional e onde se dará a coñecer unha mostra ampla e variada de materiais didácticos, tanto formais como informais e de todos os niveis educativos, producidos por diversas institucións e asociacións de Galicia.