Skip to main content

Últimos días para participar no I Premio 'A USC crea, a USC innova'

O prazo de recepción de propostas remata o 30 de setembro

O 30 de setembro é a data límite para presentar propostas ao I Premio ‘A USC crea, a USC innova’, que leva por lema ‘1º Concurso de pequenas ideas que de maneira creativa melloran a nosa vida diaria’. Coincidindo coa celebración do Ano da Creatividade e a Innovación, a USC quere deste xeito dar a coñecer as distintas iniciativas innovadoras que, impulsadas por persoal vinculado á USC, se están levando a cabo no contorno máis inmediato, facendo agromar todas aquelas accións que abordan cuestións do día a día de maneira creativa e orixinal.
O Premio demostrará como a innovación non debe guiar só as ‘grandes ideas’ que desembocan na creación dunha empresa de base tecnolóxica ou nun cambio de paradigma, senón tamén todas aquelas ‘pequenas ideas’ que de maneira creativa melloran a vida diaria.
A esta convocatoria poderán presentarse, a título individual ou en grupo, todas aquelas persoas vinculadas estatutariamente á USC, funcionario e laboral ou estudantes de calquera nivel. Premiaranse aquelas iniciativas que estean en fases avanzadas de deseño ou xa rematadas e que sobre sobresaian pola súa creatividade e innovación á hora de afrontar unha cuestión ou un problema concreto do día do día.
Na selección de propostas teranse en conta como criterios de referencia o carácter innovador, o creativo, viabilidade e madurez, sustentabilidade, impacto e proxección. A temática das propostas poderá estar relacionada coa xeración de coñecemento, a educación, a cultura, a formación, a solidariedade, a divulgación, a docencia, a investigación, o deporte, a vida universitaria ou a xestión de calquera destes aspectos.
Premiaranse un máximo de tres accións, cun primeiro premio dotado con 1.500 euros, o segundo con 1.000 e un terceiro de 500 euros.

The contents of this page were updated on 09.24.2009.