Presentación da Memoria de Responsabilidade Social da USC correspondente a 2006-2007
Dende o ano 2003 e de maneira pioneira, a Universidade de Santiago publica a súa Memoria de Responsabilidade Social coa que afianza o seu compromiso e vontade coa rendición de contas máis alá da obrigatoria e habitual memoria económica das universidades.
O reitor da institución académica compostelá, Senén Barro, presentará este venres 25 a memoria correspondente a 2006-2007 nun acto que se vai celebrar a partir das 10:30 horas na Sala de Debates do Centro de Estudos Avanzados (CEA, Parque Vista Alegre) presidido polo titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e ao que tamén asiste o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga Pereira.
Baixo a coordinación da Vicerreitoría de Calidade e Planificación, a elaboración desta memoria segue a metodoloxía de Global Reporting Initiative (GRI3), un dos modelos con maior aceptación no ámbito mundial. O documento, informa á sociedade do desempeño de todas as actividades propias da Universidade de Santiago nos campos económicos, social e medioambiental. Deste xeito, ademais dos aspectos vinculados ao orzamento, resultado económico e balance de situación, a memoria transmite dunha maneira fácil e comprensible a todos os grupos de interese as actividades realizadas e os beneficios sociais derivados das mesmas, así como o impacto ambiental asociado e as actuacións emprendidas para reducilo.