A USC e o Consello da Cultura Galega coeditarán a revista 'Estudos migratorios'
Estudos Migratorios. Revista galega de análise das migracións, de periodicidade semestral, será coeditada dende agora polo Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago. A nova xeira permitirá continuar e reforzar o proxecto iniciado en 1992 desde o Arquivo da Emigración Galega. Así o destacaron o presidente do CCG, Ramón Villares; o vicerreitor de Cultura da USC, Elías Torres Feijóo, e o profesor e historiador Xosé Manoel Núñez Seixas, membro do Arquivo da Emigración.
Ramón Villares salientou a importancia da revista e o seu recoñecemento científico e considerou moi importante a colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela “porque reforzará o seu respaldo académico e científico”. Pola súa banda, Elías Torres afirmou que a USC e o seu Servizo de Publicacións gañarán coa incorporación dunha revista “que cumpre ítems de calidade internacional”.
Xosé Manuel Núñez Seixas, que fai funcións de secretario de redacción da revista xunto coa profesora Pilar Cagiao, subliñou a “perspectiva interdisciplinaria e plural” que vén mantendo a publicación e o traballo do Arquivo da Emigración Galega. Así o indican, dixo, os 16 números publicados polo Consello da Cultura Galega desde 1992.