Skip to main content

A Facultade de Ciencias da Educación aproba as memorias dos títulos de Grao de Educación Social e de Pedagoxía

A Facultade de Ciencias da Educación da USC aprobou as memorias dos títulos de Grao de Educación Social e de Pedagoxía, elaboradas cunha ampla participación da comunidade universitaria do centro.
Sobre un total de 46 votos emitidos, o título de Educación Social acadou 33 a favor, 10 en contra e 3 en branco e, no caso de Pedagoxía, o resultado cifrouse en 31 votos a favor, 11 en contra, 3 en branco e 1 nulo.
Ambos títulos supoñen un avance no que se refire á organización e secuenciación da formación, tanto teórica como nas institucións nas que se desenvolve o Practicum; unha incorporación explícita de necesidades e demandas vinculadas ao desenvolvemento profesional das educadoras e educadores sociais e dos pedagogos e pedagogas; así como unha oportunidade para unha maior conexión da Universidade coa sociedade, tanto en termos académicos como de investigación educativa.
Estes graos organizan as materias en módulos, clarificando os seus perfís e visibilizando os campos profesionais nos seus itinerarios formativos. Deste xeito, o de Educación Social aposta por unha especialización nos ámbitos da Inclusión Social e Educativa e na Acción Sociocultural e no Desenvolvemento Comunitario, mentres que o título de Grao en Pedagoxía faino nos campos da Formación e Orientación Laboral; E-Learning: Contornos Presenciais e Virtuais de Formación e Comunicación, e Pedagoxía Escolar.
A Facultade pechará o proceso de elaboración dos seus títulos de grao cando en breve se sometan á aprobación da Xunta de Facultade o de Mestre en Educación Infantil e o de Mestre en Educación Primaria. A partir dese momento, sinalan dende o decanato, “queda por diante o desafío da adecuación das limitadas infraestruturas dispoñibles e da renovación metodolóxica para facer posible este cambio”.

The contents of this page were updated on 01.23.2009.